Reincorporación ao traballo na Xunta de Galicia

A reincorporación do persoal da Xunta de Galicia aos seus postos de traballo debe levarse a cabo de maneira segura e garantir en todo momento que se poda desenvolver o traballo con estrito respecto pola súa saúde e seguridade laboral.

Para garantir isto, a Xunta de Galicia, a través do seu servizo de prevención, debe garantir unha serie de medidas preventivas. Por un lado, estas establécense de maneira xenérica na Avaliación de Riscos Laborais ao COVID19. Todo o persoal da Xunta ten dereito a acceder a esta avaliación, e impedirlle o seu acceso suporía unha vulneración do disposto no artigo 18 da Lei de Riscos Laborais. Tamén a Xunta debe fornecer a formación necesaria para o desenvolvemento correcto das nosas funcións observando estritamente as medidas preventivas dispostas, como dispón o artigo 19 da Lei de Riscos Laborais

O Protocolo polo que se establecen a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial e as medidas de prevención fronte ao COVID-19 desenvolve unha serie de recomendacións de tipo xeral sobre as condicións mínimas que se deben respectar, pero ademais e sobre todo as medidas concretas para cada centro de traballo e para cada posto de traballo deben incluírse na Avaliación de riscos específica de cada centro de traballo e deben desenvolver os protocolos de traballo seguro, e avaliar os espazos, postos e útiles de traballo, así como dispoñer a planificación da formación necesaria.

A Xunta, como empregadora, ten o deber de protexer ao seu persoal e está obrigada a desenvolver unha acción permanente da actividade preventiva. É ademais dereito dos empregados e das empregadas esixir esta protección. Desta maneira, debe solicitarse toda a información relativa á protección no traballo, comezando pola información xeral e a avaliación de riscos do noso centro e posto de traballo e, coñecida esta información, debe esixirse o cumprimento estrito e completo de todo o disposto na planificación preventiva.

Desde o sindicato poñemos á vosa disposición un modelo de solicitude de información sobre a avaliación de riscos e, para a denuncia dos incumprimentos nesta materia, recomendamos poñerse en contacto co sindicato para determinar a mellor estratexia.

Call Now ButtonChámanos