A CNT consegue a primeira sentenza de fixeza entre o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia

  • O traballador, temporal desde 2001, accedera mediante listas de contratación
  • O Xulgado do Social número 1 de Ourense reitera a argumentación do Tribunal de Xustiza da UE e do Tribunal Supremo

A CNT obtén unha vitoria xudicial pola que o Xulgado do Social número 1 de Ourense recoñece a fixeza a un traballador da Xunta no seu posto de traballo. A sentenza reitera a argumentación recente do Tribunal de Xustiza da UE e do Tribunal Supremo, impoñendo a fixeza como sanción efectiva aos 21 anos de fraude na contratación do traballador.


A sentenza recalca a actividade permanente que desenvolvía o traballador e insiste no evidente carácter fraudulento das contratacións levadas a cabo pola Administración e considera suficientemente demostrados o mérito e a capacidade do traballador.


Desde maio de 2021 a CNT leva conseguindo as primeiras sentenzas de fixeza para o persoal que accedeu ao emprego público por listas de contratación, e en canto ao SPDCIF valórase “a extensión desta sentenza a multitude de casos similares nun servizo dos máis precarios da Xunta” e considera que se abre desta maneira, para o persoal do SPDCIF, “un camiño novo que comeza a consolidarse e que pode significar a estabilización para a práctica totalidade do servizo”.

Desde a CNT esíxese á Xunta a abandonar as prácticas fraudulentas de contratación e asumir a ilegalidade dos seus actos nesta materia, entendendo que debe acatar todas as sentenzas xudiciais favorables ao persoal sen interpoñer máis recursos que so alongan a situación de incerteza e temporalidade do persoal en fraude.


Desde a CNT animan a todo o persoal público temporal en fraude e abuso de temporalidade a denunciar a súa situación irregular e defender os seus dereitos.

Call Now ButtonChámanos