Interinización forzosa do persoal laboral temporal da Xunta de Galicia

  • Os procesos de funcionarización que se presentan como voluntarios serán obrigatorios e suporán a interinización e a perda de todos os dereitos ou o despedimento para o persoal laboral temporal
  • A previsión é iniciar este proceso antes de final de ano
  • CNT recomenda “NON aceptar” esta chantaxe

Desde hai máis de dous anos a CNT ven avisando do movemento que pretenden levar a cabo a Xunta e os sindicatos de concertación co persoal laboral temporal. Este movemento consistiría no que xa en 2019 definiamos como interinización forzosa, é dicir, a Xunta ofrecerá ao persoal laboral a posibilidade de funcionarizarse como interino e, de non aceptalo, resolverase a relación laboral.

https://cnt.gal/interinizacion-forzosa-do-persoal-laboral-temporal-da-xunta-de-galicia/

Que é a funcionarización do persoal laboral temporal

Na disposición transitoria primeira bis da Lei 2/2015 de Emprego Público de Galicia, incluída a través do artigo 12 da Lei 2/2017, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, disponse a transformación en postos de traballo de natureza funcionarial daqueles postos vacantes que viñan sendo desempeñados por persoal laboral temporal.

Para isto, a Xunta expedirá un nomeamento de natureza funcionarial interina, no correspondente corpo ou escala de clasificación, ao persoal laboral temporal que ocupe postos previstos como de natureza funcionarial nas relacións de postos de traballo, sempre que reúna os requisitos para a ocupación do posto e fose seleccionado como laboral temporal segundo os procedementos de acceso á condición de laboral temporal establecidos pola normativa vixente.

A Xunta insiste en que esta funcionarización será voluntaria, xa que segundo a lei, “requirirá a aceptación do persoal interesado”, pero en realidade estamos ante unha imposición, xa que se o persoal non acepta “a Administración procederá a efectuar os trámites legais tendentes á extinción da relación laboral”.

A quen se lle vai aplicar

A todo o persoal laboral temporal cuxos postos de traballo figuren nas respectivas RPTs como postos de natureza funcionarial. Debe terse en conta que a estes efectos non é unicamente persoal temporal o persoal con contratos temporais, eventuais ou de interinidade, senón que tamén o persoal indefinido non fixo é persoal temporal.

Que consecuencias terá

Para determinar as consecuencias destes procesos de funcionarización ou interinización forzosa, hai que ter en conta dúas casuísticas diferentes: que o persoal acepte a funcionarización ou que non a acepte.

Para o caso de aceptala, “suporá a novación da relación xurídica existente coa Administración, sen solución de continuidade na prestación dos servizos, e a transformación daquela nun vínculo xurídico de natureza funcionarial interina”. O que, traducido, significa que se “asinará” un novo contrato perdendo todos os dereitos aparellados ao anterior contrato, e que o persoal pasa a ser funcionario interino en vacante, pasando a ocupar unha praza que obrigatoriamente debe saír a concurso, sexa a concurso de traslados ou a oferta pública.

Para o caso de non aceptala, “nos casos en que o persoal interesado non acepte o nomeamento interino previsto no apartado anterior a Administración procederá a efectuar os trámites legais tendentes á extinción da relación laboral”, é dicir, producirase un despedimento que debe ser impugnado na vía xudicial.

Cando se prevé que aconteza

A previsión da Xunta é acometer esta funcionarizacion do persoal laboral temporal en canto rematen os procesos de funcionarización do persoal laboral fixo, e, en todo caso, pretenden que se complete antes de final de ano.

Que se recomenda facer

Desde a CNT recoméndase NON ACEPTAR esta imposición e non asinar o nomeamento, posto que o persoal laboral ten máis dereitos ante un cesamento que o persoal funcionario interino.

Desde o sindicato entendemos que a voluntariedade de aceptar a funcionarización debe ser real, e non pode selo coas consecuencias que impón a Xunta a quen escolla a elección de non aceptala.

Desde a CNT agardamos tamén que se solucione con sentido e baixo o paraugas da legalidade a situación das centos de traballadoras e traballadores que tras anos de servizo nas condicións máis precarias sofren o desprezo da Xunta e do sindicalismo cómplice incapaz de facer cumprir os seus propios acordos e de ter a mínima integridade de posicionarse claramente do lado dos traballadores/as.

Call Now ButtonChámanos