PAREMOS A TEMPORALIDADE PÚBLICA

As traballadoras e traballadores do sector público non son alleos aos problemas de temporalidade que arrastra a clase traballadora en todo o Estado español. Durante esta Emerxencia Sanitaria puidemos comprobar, unha vez máis, como a clase traballadora era utilizada para facer fronte a unha pandemia e refugada posteriormente como mera mercancía. Os contratos temporais a través dunha obra e servizo, eventuais, fixos descontinuos, indefinidos non fixos… son unha constante na maior parte dos ámbitos da Administración Pública. Unha inseguridade laboral que xera deficiencias no desenvolvemento dos traballos e problemas económicos, sociais e de saúde sobre a clase traballadora que os soporta.

Por isto, dende CNT lanzamos a campaña #ParemosATemporalidadePública. Son xa moitas as persoas afiliadas ao sindicato que accederon aos seus postos de traballo tras a superación dun proceso selectivo. Isto suporía a obtención dunha praza e o establecemento dunha relación laboral de carácter fixo que puidera permitir unha seguridade e unha estabilidade necesarias para o desenvolvemento destes servizos imprescindibles. Con todo, a Administración non recoñece esta situación e expón aos seus traballadores e traballadoras a unha situación de alarma permanente sen que poidan saber se seguirán traballando ou non.

Nun momento onde os servizos públicos se mostraron fundamentais e imprescindibles para a superación dunha pandemia mundial, necesitamos defender os postos de traballo de todas as persoas nesta situación. Avecíñanse tempos nos que, novamente, a capacidade sanitaria dos territorios terá un papel fundamental para facer fronte a novas ondadas. Persoal de limpeza, atención primaria, administrativo, enfermería… todas e cada unha delas necesitan a estabilidade que merecen para a realización do seu traballo diario.

Por este motivo, acabemos coa precariedade, #ParemosATemporalidadePública

Call Now ButtonChámanos