ENTREVISTA | Fixeza para as traballadoras e os traballadores do Consorcio Galego

Publicamos a continuación unha entrevista realizada á compañeira Rocío, traballadora do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar coas condicións de acceso ao seu posto e o traballo desenvolvido durante esta época de emerxencia sanitaria.
#ParemosATemporalidadePública

Ti levas xa tempo no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, non sí?

Si, levo case 13 anos, dende o 2007.

E como empezaches a traballar no Consorcio?

Porque aprobei unha oposición e quedei de primeira no proceso selectivo para o meu posto de traballo nun centro de día.

E como soubeches dese proceso selectivo, onde o viches?

Vin a convocatoria no DOGA do día 20 de abril de 2007, e as bases foron publicadas na propia páxina web do Consorcio Galego de Servizos Igualdade e Benestar.

Ou sexa, que calquera persoa que vise o DOGA, podíase apuntar?

Si, se cumprías os requisitos, evidentemente. Para as prazas de persoal técnico, pedían a titulación universitaria correspondente para cada posto: psicoloxía, enfermería, educación social, traballo social, fisioterapia e terapia ocupacional, para as xerocultoras pedían a titulación de auxiliar de enfermeira ou clínica e para as PSX, o título de EXB ou ESO. Tiñas que cubrir a instancia e enviala, e logo saíu a lista de persoas admitidas e excluídas.

Acórdaste de cando foi o exame?

O día 18 de xullo dese ano, ás 18:00 horas. Acórdome porque no meu caso, quería presentarme a dous centros, e fixeron coincidir as datas e as horas dos exames, para que elixises, e que só puideses presentarte a un.

E en que consistía ese proceso selectivo?

Constaba  de 4 partes: a primeira, un exame tipo test na que, cando saíron as notas, fun a persoa que o máis puntuación saquei de todas as que aprobamos o exame (2 puntos máis que a segunda persoa), a segunda unha proba de galego (no meu caso estaba eximida por ter o Celga 4 e cursos de perfeccionamento), a terceira unha valoración de méritos e a cuarta unha entrevista persoal. Ao rematar todo o proceso, eu era a persoa que máis puntuación tiña para o posto, e foi polo que entrei a traballar na miña praza.

E comezaches a traballar no centro no que aínda estás.

Si, comezamos o 20 de novembro de 2007. Ao principio fixéronos un contrato por obra e servizo e logo aos 2 anos, por unha resolución do consorcio pasáronos a indefinidos non fixos.

A todas as persoas que pasáchedes por un proceso selectivo considerábanvos indefinidos non fixos?

Aos do principio si, aos que nos presentamos as primeiras  prazas que se convocaron no 2007. Porque despois, ao ano seguinte, houbo outros procesos similares para outros centros que foron abrindo, e a esas persoas  xa lles fixeron o contrato como persoal laboral fixo do Consorcio. Nós creo que fomos un experimento.

Ou sexa, que estades nas mesmas condicións que calquera persoa que non aprobase nada e que  entrase dende unhas listas, dende o Inem…

Si, a condición é a mesma que persoas que levan tamén algúns anos traballando pero que non aprobaron ou nin tan sequera pasaron por un proceso de selección. Tras 12 anos e medio e ter aprobado, con todas a da lei, a nosa praza, estamos no aire e cunha incertidume constante durante  todos anos, por se mañá tivese que ir á rúa.

E porque pensas que pasou isto, como é que aos seguinte lles fixeran os contratos como persoal fixo, e a vós, os primeiros que pasástedes por exame e todo o demais,  que iniciástedes todo isto, esteades nesta situación?

Pois eu non o sei, pero penso, que como che dicía,  fomos un experimento. O Consorcio naceu como un ente paralelo da administración autonómica. Aquí iniciáronse proxectos moi interesantes, que consistían en achegar ao rural servizos para a infancia e para as persoas maiores dependentes. Creo  que eran moi  necesarios xa que  case non había antes e penso que querían ver como ía a cousa antes de consideralo como algo estable e permanente. Empezaron con nós, para poñer en marcha os servizos e cando viron que eran necesarios e que a cousa saía ben, foron abrindo novos recursos, facendo tamén oposicións para eses e as persoas que aprobaron, xa as consideran fixas. E nós fomos quedando aí, nese limbo; en fraude de lei durante todo este tempo.

E agora, nesta crise do Coronavirus, que están os centros de día pechados, seguides a traballar, non si?

Pois claro… neste momento todo o persoal do Consorcio está  á disposición da Administración. Hai compañeiras/-as desprazadas aos dous recursos que se abriron en Santiago e Ourense para atender  a persoas maiores que vivían en fogares residenciais que deron positivo por Coronavirus. Alí están a traballar xerocultoras e persoal técnico dos noso centros, que foron requiridos o 26 de marzo, para tratar de parar a situación crítica que se estaba a dar nas residencias privadas polo grande número de persoas con infección. Outras compañeiras están en vivendas comunitarias ou fogares residenciais tamén desprazadas, cubrindo baixas de persoal onde sexa preciso, e en calquera punto de Galicia onde se necesiten. Outras persoas estamos a traballar dende a casa, todos os días da semana, facendo seguimento diario de usuarios/-a e familias, elaborando ou adaptando material para enviarlles aos fogares, para que este tempo sen vir ao centro de día tentar de que o deterioro, en todos os sentidos, sexa o menor posible. E se es directora dun centro, tamén segues facendo tarefas administrativas e do persoal dos centros, que hai moito choio igualmente que facer. Estase preparando tamén un blog para que toda a poboación galega poida acceder á información, material e tarefas para os maiores nas casas, hai compañeiros/-as atendendo ao teléfono de atención psicolóxica polo Coronavirus… E tamén, obviamente, os Servizos Centrais do Consorcio seguen a traballar máis que activamente a diario, que isto, non nos parou… todo o contrario.

Que crees que se pode aprender, no caso da vosa situación laboral, desta crise ?

Penso que esta crise, puxo de manifesto que moitas das persoas que agora estamos no día a día da loita, somos persoas interinas. Durante moito tempo, servizos sociais e sanidade fomos dos sectores con maior número de interinos e inestabilidade nos contratos, sempre minuspreciados pola Administración pero cando hai que enfrentarse a unha situación coma esta, tan imprevisible, agora somos “imprescindibles”.  Moitas das persoas que están tratando de dalo todo, levamos anos sentindo incertidume, inestabilidade e precariedade. Non todos estamos no mesmo caso. Hai xente que leva 1 ano, outros que levan 20, xente entrou por unha lista, outros que aprobamos a nosa praza fai máis dunha década e que seguimos a ser interinos… pero no momento ter que enfrontarse a isto, aí estamos a facelo.

Precisades despois desto un gran recoñecemento…

Despois disto o que precisamos é xustiza.  Non é normal que persoas que aprobamos a nosa praza esteamos como indefinidas. A nós xa nos fixeron a nosa oposición, o concurso de méritos e demais probas para estar nos nosos postos, e que por “erro” da administración, esteamos nesta situación de inestabilidade é o que habería que resolver. Os recoñecementos pasan, pronto se esquecen, pero a xustiza éo que se precisa para solucionar unha situación fraudulenta da que nós non fomos responsables.

Call Now ButtonChámanos