A CNT denuncia a inseguridade dos GES de Castro Caldelas fronte ao COVID-19

  • A situación dos traballadores e traballadoras fronte á emerxencia do COVID-19 é de total indefensión
  • O Concello de Castro Caldelas non facilita ningún tipo de Equipo de Protección Individual (EPI) poñendo en risco aos empregados públicos e aos propios cidadáns
  • A CNT demanda á Subdelegación do Goberno en Ourense e á Inspeción de Traballo que tomen medidas urxentes nesta situación de emerxencia

Os traballadores e traballadoras do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Castro Caldelas atópanse cunha situación de inseguridade total nos seus postos de traballo. O concello de Castro Caldelas decide enviarlles a realizar as súas tarefas de emerxencias sen contar coas medidas de protección adecuadas, o protocolo de emerxencia pertinente nin os Equipos de Proteccion Individual (EPI) necesarios. Ante esta situación, a CNT remitiu esta mañá un escrito á Subdelegación do Goberno en Ourense onde reclama “que con carácter urxente dende esta subdelegación se dean instruccións precisas á alcaldesa de Castro Caldelas tanto das funcións que, con carácter xeral, deben realizar os GES, como das medidas de protección precisas, para non contaxiarse como traballadores e non contaxiar ao resto da poboación coa que teñan que establecer contacto.”

Esta situación conleva un elevado risco para todos os habitantes do Concello e parece non ter importancia para a alcaldesa que “A diferenza doutros Concellos, o Concello de Castro Caldelas non só carece de protocolo de actuación, senón que de forma manifesta e irresponsable, obriga a seguir realizando labores desvinculadas coa súa función durante a activación do Estado de Alarma, sendo urxente que se indique de forma clara á alcaldesa e aos traballadores e traballadora do GES cales son ás súas competencias.” O sindicato CNT reclama, deste xeito, a actuación inmediata para que a poboación de Castro Caldelas e as zonas de actuación do GES non vexan como as súas vidas corren perigo.

Call Now ButtonChámanos