Denuncia da CNT fronte á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia por vulneración de dereitos fundamentais

  • A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia vulnera os dereitos fundamentais das súas traballadoras
  • A contratación realízase, na maioría dos casos, mediante contratos temporais para cubrir postos indefinidos e estruturais
  • A empresa despide estando de baixa causada pola carga de traballo excesiva á que están sometidas as traballadoras

As empresas de acción e intervención social non son diferentes das do resto de sectores cando falamos dos dereitos laborais das persoas traballadoras. Desde a CNT iniciamos un novo conflito neste sector fronte á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia por vulneración dos dereitos fundamentais no despedimento levado a cabo tras entrar en situación de incapacidade temporal pola sobrecarga de traballo sometida pola empresa. A situación das traballadoras dentro da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia resulta sumamente precaria. Deste xeito, dende a sinatura do Convenio pola parte do Comité de Empresa no ano 2015, todas as traballadoras reciben remuneracións moi inferiores ás que lles corresponderían segundo o Convenio Colectivo de ámbito estatal no que se encadran as actividades levadas a cabo pola organización. Por outra banda, a empresa realiza a maioría das súas contratacións en fraude de lei ao asinar contratos temporais para traballos estruturais dentro dos diferentes centros de traballo cos que contan ao longo da Galiza.

Deste xeito, a CNT inicia un conflito e unha campaña de información para todas as traballadoras da empresa na que se incide en que os “obxectos dos contratos realizados non definen unha obra ou servizo determinados, senón a necesidade de cubrir un posto estrutural e permanente” coa escusa de subvencións e programas de financiación pública que “en ningún caso poden supoñer unha causa de temporalidade válida“. Ademais, moitos destes contratos sucédense con períodos mínimos entre eles, o que supón tamén unha fraude de lei. Por estes motivos, a relación laboral debería ser de carácter indefinido dende o primeiro día.

A CNT considera estas prácticas inaceptables e continuará denunciando este tipo de situacións tanto neste como noutros sectores.

Call Now ButtonChámanos