Nova denuncia da CNT fronte ao restaurante Auga e Sal

  • A CNT denuncia novamente a Albert Ego S.L.U. sociedade do restaurante Auga e Sal
  • Dende a empresa continúan incumprindo a lexislación vixente en materia laboral
  • O sindicato comezou unha campaña no sector da hostalería onde os abusos empresariais son recorrentes

O restaurante Auga e Sal, rexentado polo empresario Alberto Ruiz-Gallardón, continúa os incumprimentos en materia laboral. Deste xeito, o sindicato inicia un novo proceso xudicial reclamando as cantidades adebedadas pola empresa. Nesta ocasión, o empresario incumpre o Convenio Colectivo de aplicación ao non abonar o complemento correspondentes aos traballadores e traballadoras cando estes se atopan en situación de incapacidade temporal. O persoal do restaurante Auga e Sal ve así perxudicadas non só as súas condicións de saúde senón tamén as súas condicións económicas por atoparse nunha situación de incapacidade temporal. Esta práctica resulta habitual entre os empresarios da hostalería e supón, na maioría das ocasións, que os traballadores e traballadoras acudan aos seus postos de traballo incluso poñendo en risco a súa saúde.

A CNT coñece de primeira man as tácticas utilizadas tanto por esta empresa como por outras adicadas á hostalería. Así, o restaurante Auga e Sal xa conta con outras reclamacións en materia de cantidades realizadas a través do Gabinete Xurídico do sindicato.

A explotación laboral é unha constante no sector da hostalería como ben coñecen todos os traballadores e traballadoras afiliadas á CNT. Por este motivo, desde a CNT iniciamos hai uns días unha nova campaña de información orientada a todas aquelas persoas que queiran coñecer os seus dereitos e contar co apoio sindical e xurídico do sindicato. A pesar de ser o sector con máis apoio dende o Estado español, a hostalería continua demostrando día tras día que é o sector económico con maiores incumprimentos e onde a situación laboral dos traballadores e traballadoras atópase cunhas condicións de precariedade e temporalidade sen comparación co resto de sectores.

Call Now ButtonChámanos