Temporais do Consorcio ante a crise do COVID-19

  • Dende a CNT recordamos como algúns servizos e traballadores están resultando esenciais en tempos de emerxencia.
  • As traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar supoñen a primeira liña de batalla fronte ao COVID-19
  • O sindicato reclama que estes feitos se teñan en conta para mellorar as condicións de traballo temporais que non se adaptan á súa necesidade

Tras a creación do servizo dos centros de maiores do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar fai 13 anos, a temporalidade das traballadoras e traballadores que impulsaron esta creación continúa sendo superior ao 95 %. Con todo, fronte a unha situación de Emerxencia Sanitaria como a que estamos a vivir, estes profesionais están desenvolvendo as súas tarefas con máis eficacia e forza que nunca. Os nosos maiores atópanse nas mellores mans posibles grazas ao esforzo e sacrificio que realizan os traballadores día a día.

Nestes días, están chamando a moitas das traballadoras e dos traballadores do Consorcio para atender 2 residencias abertas exclusivamente para persoas maiores con positivo en COVID-19. Para combater a propagación da enfermidade e protexer ás persoas de alto risco, realízanse quendas de 12 horas diarias durante 7 días seguidos. Ademais deste sacrificio, enfróntanse a un elevado risco de contaxio debido a esta situación.

O persoal técnico e as direccións realizan un seguimento da situación a diario e ofrecen respostas, consellos e axuda ás persoas usuarias e familias de forma constante. Ademais tamén estenderon o apoio e orientación para o confinamento mediante atención telefónica a calquera que o precise en Galiza, a través do número de voluntariado da Xunta (900 400 800). Todas estas accións e a posta en marcha destas dúas residencias realizáronse nun tempo récord de tan só 3 días. Un recurso novidoso no que se trata de respectar todos os protocolos de prevención de contaxio. Neste labor estiveron presentes as traballadoras dos servizos centrais do Consorcio; que teñen as mesmas taxas de temporalidade e precariedade que as compañeiras de atención directa.

É importante mencionar que, grazas a este traballo, ata o 29/03/2020 só se confirmou un positivo polo COVID-19 entre todos os residentes dos centros residenciais do Consorcio. Estas traballadoras, estes equipos formados e con experiencia, mérito e capacidades demostradas, posiblemente desaparezan se non se fai nada.

Call Now ButtonChámanos