O GES de Castro Caldelas traballa sen Equipos de Protección Individuais

  • A CNT denuncia a falta de material de prevención para os traballadores e traballadoras do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) de Castro Caldelas
  • Os labores de desinfección prodúcense en lugares públicos ou incluso en residencias sen dispoñer das medidas preventivas adecuadas
  • Algún dos traballadores atópase en illamento tras dar positivo por COVID19 despois de realizar tarefas de desinfección sen as proteccións necesarias

O Concello de Castro Caldelas continúa sen tomarse en serio o Estado de Alarma actual e a crise sanitaria xerada polo COVID-19. Os traballadores e traballadoras do GES do concello son enviados a realizar tarefas de limpeza e desinfección sen contar coas medidas de protección adecuadas. Ao principio, realizaban estes traballos sen ningún tipo de EPI e, na actualidade, carecen de máscaras FPP2, gafas estancas e contedores de risco biolóxico. Ademais, os buzos non se limpan e teñen que ser usados de novo sen a desinfección adecuada. Con todo, a necesidade non é soamente material. Existe tamén unha carencia de protocolos e formación en materia de prevención de riscos adecuada para o uso dos EPIs necesarios nesta situación.

Dende a entrada en vigor do Estado de Alarma Sanitaria, decretada polo Real Decreto 364/2020, do 14 de Marzo, o sindicato, por medio da Sección Sindical do Concello de Castro Caldelas, vén solicitando a adopción das medidas organizativas e de protección necesarias para evitar os contaxios por COVID-19. É obriga do propio Concello asegurar a seguridade e saúde dos seus traballadores.

Transcorrido este tempo, vendo que o Concello de Castro Caldelas non toma as medidas pertinentes e que os contaxios non deixan de producirse, a CNT solicita ante o xulgado do social a adopción de medidas cautelares para protexer tanto aos traballadores e traballadoras do GES de Castro Caldelas como aos habitantes da zona de posibles contaxios. Estas medidas solicitadas polo sindicato conlevan: a avaliación do risco de contaxio polo COVID-19, a organización do traballo gardando as medidas adecuadas, a correcta limpeza e desinfección de ferramentas e locais de traballo, a entrega dos Equipos de Protección Individual (EPI´s) necesarios e a paralización de toda actividade produtiva ata contar coa protección adecuada. Todas estas medidas son as únicas que poden garantir a protección dos traballadores, traballadoras e cidadáns de Castro Caldelas e evitar que o Concello se converta nun novo foco de contaxio do virus.

Call Now ButtonChámanos