O Concello de Castro Caldelas insiste en poñer en risco as vidas do GES

  • Fronte ás reclamacións da sección sindical de CNT no Concello, a alcaldesa segue sen entregar os Equipos de Protección Individuais (EPIs) adecuados
  • Ante a reclamación interposta polo rexistro do Concello de Castro Caldelas, a resposta do equipo de goberno non resolve as necesidade do servizo
  • Nestes momentos de Emerxencia, o persoal do Grupo Emerxencias Supramunicipais (GES) non pode estar exposto ao contaxio do COVID19 nin ao risco de propagar a enfermidade

O Concello de Castro Caldelas, por medio do seu equipo de goberno, está poñendo en risco as vidas dos seus traballadores e dos cidadáns do entorno. A CNT continúa denunciando como o equipo de goberno envía aos traballadores públicos a realizar tarefas de desinfección e limpeza sen contar cos medios de protección adecuados á normativa e coa revisión vixente. Sen obter resposta aínda da Subdelegación do Goberno, a Sección Sindical reclama os Equipos de Protección Individual (EPIs) necesarios para poder garantir o desenvolvemento do seu traballo coa seguridade laboral, para a saúde e eficiencia que corresponde. O Concello fai caso omiso de todas as instrucións, protocolos e medios de contacto da Consellería do Medio Rural durante a emerxencia sanitaria en medidas preventivas a aplicar ao persoal que desempeñe funcións de carácter esencial, protocolos de limpeza de oficinas e emisoras, vehículos compartidos ou movemento das brigadas e vehículos motobomba, así como outras disposicións autonómicas e estatais.

Na actualidade está activado o PLATERGA no nivel IG (Interese Galego) o que significa, que “neste momento o servizo pasa a estar en situación de retén e só poderá atender situacións de emerxencia ou relacionadas co mantemento das condicións hixiénicas e sociais en relación coa declaración do estado de alarma.“. Nunha situación onde o persoal de emerxencias resulta de vital importancia para a superación dunha crise sen precedentes, a alcaldesa de Castro Caldelas decide enviar aos traballadores e traballadoras do GES a realizar funcións que nada teñen que ver coa situación de alarma actual.

Call Now ButtonChámanos