O Concello de Cervo négase a negociar co GES

  • O Grupo de Emerxencias Supramunicipal acordou a apertura da negociación dun convenio colectivo para o servizo
  • O Concello négase a negocialo e non acepta as propostas de mellora realizadas polo persoal

O Grupo de Emerxencias Supramunicial de Cervo, despois de varios anos de conflito e de acumular demandas en materia laboral, acordou a apertura da negociación dun convenio franxa no que se regulen as características laborais especiais do servizo. É de salientar que o GES non está incluído no articulado do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello, xa que este data de 2007 e o GES foi creado no 2013, e polo tanto non recolle as súas especiais características.

O persoal do GES considera básico que este convenio regule de maneira diferenciada a súa xornada laboral, xa que esta é diferente do resto do persoal do Concello, xa que traballan en quendas de 24 horas os 365 días do ano. Outra reivindicación básica para o persoal do GES é a regulación dun salario segundo a categoría C2 e dun complemento específico que recolla as características especiais do seu posto, como son a responsabilidade, a nocturnidade, a perigosidade, a penosidade ou a toxicidade, entre outras.

Tamén consideran fundamental regular unha formación especial e específica, o regulamento do paso á situación administrativa de segunda actividade, a creación dunha bolsa de emprego, garantir a presenza mínima duns efectivos por quenda e a aplicación ao GES dos coeficientes redutores da idade de xubilación dos bombeiros.

O persoal do GES acordou por votación maioritaria que este convenio colectivo sexa negociado pola sección sindical da CNT. Con todo, o Concello non acepta a proposta de negociación e rexeita levar a cabo calquera mellora das condicións laborais dun servizo público esencial para a cidadanía. Desde a CNT enténdese que isto “constitúe unha vulneración da liberdade sindical e chámase a aceptar esta oferta de negociación realizada de boa fe e coa única intención de mellorar os servizos públicos e afianzar os dereitos dos traballadores e as traballadoras”.

Call Now ButtonChámanos