O Concello de Cervo pon e grave risco aos GES deixando a garda cun só efectivo

  • A sección sindical da CNT leva anos notificando que o Concello non está cubrindo as baixas, permisos e vacacións.
  • Os traballadores do Grupo de emerxencias do Concello de Cervo denuncian graves deficiencias na seguridade.

Os e as traballadoras da Sección Sindical da CNT denuncian o incumprimento reiterado por parte do Concello de Cervo da normativa vixente, ao non cubrir baixas, permisos ou vacacións. O persoal dos GES leva anos notificando estes graves incumprimentos que o pasado día 20 puxeron en risco a un traballador no incendio que tivo lugar no polígono de Cuíña, en Cervo, tendo que lamentar graves danos materiais.

Durante o día do incendio un só traballador estaba dispoñible cando a catástrofe comezou, véndose obrigado a poñer en risco a súa seguridade. A nave en chamas, propiedade da empresa “Distribucións Carreiras”, almacenaba material altamente inflamable propio da actividade da empresa, provedora de bebidas e produtos de alimentación.

O traballador, que xa informara da necesidade de máis efectivos, recibiu a orde directa de atender en solitario a emerxencia mentres mobilizaban máis medios. Cando o único efectivo de garda chega ao incendio comeza atender á seguridade dos traballadores da empresa que estaban poñendo en grave risco as súas vidas, tratando de salvar o material próximo ás chamas.

No exterior da nave un gran depósito de gasóleo estábase vendo afectado pola propagación do incendio, polo que o traballador procedeu a montar unha liña de auga para evitar a explosión. O Mando do servizo GES, os bombeiros de Viveiro e os restantes medios de atención de emerxencias da mariña lucense chegaron ao lugar 15 minutos despois de que comezaran os traballos de extinción. Unha vez controlado o incendio o traballador recibe a orde de permanecer 10 horas, en solitario, controlando as posibles reactivacións do incendio por mor do forte vento.

Unha vez máis o traballador está só na reactivación que tivo lugar sete horas despois, poñendo en grave risco a súa seguridade e mesmo a súa vida. Durante estas sete horas permaneceu só dentro do recinto

acoutado, véndose na obriga de entrar nas instalacións gravemente afectadas. As vigas que soportan o teito estaban retorcidas polas altas temperaturas, o firme cheo de graxas, aceites e botellas rotas, e o ambiente cargado de gases tóxicos pola combustión de produtos de limpeza, lixivia, amoníaco… 20 minutos despois da nova reactivación chegan reforzos.

Dende os GES de Cervo solicitan ao Concello solucións eficaces que melloren o servizo e a seguridade dos e das traballadoras, con medidas como a creación dunha bolsa de traballo para a cobertura de vacacións e baixas de larga duración ou a creación dun retén que non prexudique a garda saínte nin a entrante.

Call Now ButtonChámanos