A Xunta ten dous meses para cumprir a sentenza pola que o Tribunal Supremo recoñecía o dereito á carreira profesional a todo o persoal, fixo ou temporal

A semana pasada a CIG informaba de que o Tribunal Supremo recoñecía o dereito á carreira profesional a todo o persoal, sexa este fixo ou temporal, de forma que así se debe de aplicar o recoñecido na anterior sentenza do TSXG, segundo a que se debe “recoñecer o dereito destes colectivos a participar no procedemento de recoñecemento do grao I da carreira profesional.”

Desde a CNT entendemos que a situación non ten ningunha dúbida, e tampouco a tiña antes de que o Supremo se pronunciase, por moitas polémicas que quixeran lanzarse entre os sindicatos da mesa xeral: non pode haber trato desigual en función da modalidade de contratación, e polo tanto todo o persoal ten dereito á carreira profesional.

Agora a Xunta debe cumprir a sentenza nun prazo de dous meses. Entendemos que cumprir a sentenza non seus termos implica abrir de oficio un novo procedemento para que o persoal acredite cumprir os requisitos para acceder ao grao I da carreira profesional e retrotraer os seus efectos económicos á data de 1 de xaneiro de 2019.

No caso de non cumprir esta sentenza a CIG terá a opción de executala, de forma que sexa o tribunal o que obrigue a Xunta a cumprir. O que non entendemos é que significa que desde a propia CIG teñan disposición para negociar con Función Pública a forma de aplicar esta sentenza, xa que os termos deberían ser claros, e con dous aspectos fundamentais e irrenunciables, con máis razón unha vez que foron ratificados polo Supremo: extensión ao persoal temporal e retroactividade a 2019. 

Que hai entón que negociar? A aplicación dunha sentenza non se negocia, xa que iso significa negociar desde a base da ilegalidade. Disposición para negociar significa disposición para renunciar a algún dos termos da sentenza? Significa adiar a execución até que a Xunta e os sindicatos da mesa xeral consigan despedir ao maior número posible de temporais?

Call Now ButtonChámanos