Xunta

Interinización forzosa do persoal laboral temporal da Xunta de Galicia

  • Os procesos de funcionarización que se presentan como voluntarios serán obrigatorios e suporán a interinización e a perda de todos os dereitos ou o despedimento para o persoal laboral temporal
  • A previsión é iniciar este proceso antes de final de ano
  • CNT recomenda “NON aceptar” esta chantaxe

O despedimento masivo e a perda de calquera posibilidade de obter indemnizacións en caso de cese foi a solución que atoparon a Xunta e sindicatos para acabar coa elevadísima temporalidade que afecta aos traballadores a traballadoras públicas.

A disposición transitoria primeira bis da lei do Emprego Público de Galicia dispón que o persoal laboral que desempeñe postos de traballo de persoal funcionario verá modificada a súa relación laboal coa Xunta e seralle expedido “un nomeamento de natureza funcionarial interina”, que “suporá a novación da relación xurídica existente coa Administración, sen solución de continuidade na prestación dos servizos”.

O que, traducido, significa que se “asinará” un novo contrato perdendo todos os dereitos aparellados ao anterior contrato, e que o persoal pasa a ser funcionario interino en vacante, ocupando unha praza que obrigatoriamente debe sair a concurso, sexa a concurso de traslados ou a oferta pública.

A Xunta e os sindicatos fan pasar este proceso por voluntario, xa que “o nomeamento requerirá a aceptación do personal interesado”, pero en realidade é un proceso forzoso e obrigatorio, posto que  esquecen dicir que a consecuencia de non aceptalo será “a extinción da relación laboral”.

Desde a CNT recoméndase NON ACEPTAR esta imposición e non asinar o nomeamento, posto que “o persoal laboral ten máis dereitos ante un cesamento que o persoal funcionario interino“.

Desde CNT, agárdase tamén que se solucione “con sentido e baixo o paraugas da legalidade” a situación das centos de traballadoras e traballadores que tras anos de servizo nas condicións máis precarias sofren “o desprezo da Xunta e do sindicalismo cómplice incapaz de facer cumprir os seus propios acordos e de ter a mínima integridade de posicionarse claramente do lado dos traballadores/as”.

 

Información sobre: os procesos e dereitos do persoal público temporal en: http://www.cnt.gal/?q=node/2172

Reclamacións de fixeza para o persoal temporal en: http://www.cnt.gal/?q=node/2256

 

Afíliate! http://www.cnt.gal/?q=afiliate

 

Sección Sindical de CNT na Xunta de Galicia

sindicato-cnt@xunta.gal // galiza@cnt.gal

www.cnt.gal/?q=xunta

Call Now ButtonChámanos