A CNT demanda ao Concello de Cangas por discriminación por razón de sexo

  • O Concello de Cangas realiza contratos temporais para tarefas que son de caracter estrutural, habitual e permanentes
  • Os postos cubertos para a limpeza do Concello, ocupados maiormente por mulleres, cúbrense con contratos de 6 meses, mentres que os postos de peón de obras ou peón de limpeza viaria, maioritariamente realizados por homes, non teñen esta temporalidade.

A CNT denuncia a temporalidade e precariedade dos traballadores e, especialmente, das traballadoras do Concello de Cangas. Os representantes públicos desta localidade realizan contratos temporais para postos de traballo que desenvolven tarefas habituais, estruturais e permanentes. Deste xeito, cométese un fraude de lei na contratación mediante contratos eventuais por circunstancias da produción que en realidade deberían ser contratos fixos.

Con todo, esta fraude na contratación non ten a mesma repercusión en todo o persoal público. Os incumprimentos son especialmente flagrantes para as traballadoras do servizo de limpeza do Concello. Neste caso, os seus contratos están absolutamente delimitados a 6 meses. Unha vez rematado este periodo, deben acudir de novo a unha bolsa de traballo e esperar a ser chamadas outra vez. No caso dos peóns de limpeza ou peóns de obra, a pesar de asinar contratos temporais, estes non están suxeitos a un periodo de tempo tan breve. Así, “este persoal laboral temporal goza dunha maior estabilidade no emprego, dende o momento no que non se dispón dunha lista de chamamentos temporais para a súa cobertura“. Incúrrese aquí, por tanto, nunha discriminación indirecta no modo de contratación.

Ademais desta primeira discriminación, as traballadoras do Concello teñen que asumir unha diferenza salarial que as sitúa dez anos por detrás dos empregados de limpeza da vía pública. Mentres que o persoal do servizo de limpeza viaria está encadadro nun nivel 14, o persoal de limpeza do Concello soamente alcanza o nivel 12. A cantidade económica percibida polas traballadoras do servizo de limpeza do Concello é exactamente a mesma que a percibida polos empregados so servizo de limpeza no ano 2010. Incurre aquí o Concello nunha discriminación indirecta na retribución salarial.

Dende a CNT consideramos inadmisible este tipo de trato e discriminación por razón de sexo. Por este motivo, estaremos o vindeiro 4 de xullo en Cangas nun acto público explicando os incumprimentos do goberno municipal para que a clase traballadora conte coa información necesaria.

Call Now ButtonChámanos