O Tribunal Superior de Xustiza concorda coa CNT e recoñece discriminación salarial por cuestión de sexo nas limpadoras do Concello de Cangas

  • O Concello de Cangas paga menos ás mulleres que aos homes
  • A CNT denuncia a temporalidade á que o Concello de Cangas aboca ás limpadoras

O Tribunal Superior de Xustiza recoñece a discriminación salarial por cuestión de sexo dentro dos servizos de limpeza do Concello de Cangas que se denunciou dende o sindicato CNT. O servizo de limpeza de rúa, composto completamente por homes, está cobrando 500 euros máis que os servizos de limpeza de interiores, compostos nun 75% por mulleres.

Dende a CNT informan ás traballadoras da limpeza de edificios do Concello de Cangas de que para facer efectiva a equiparación salarial aos seus compañeiros da limpeza de rúa terán que proceder a denunciar a súa situación, xa que o Concello non extenderá esta sentenza a todo o persoal. “Dende a CNT poñémonos a disposición de todas as traballadoras para corrixir esta inxustiza claramente discriminatoria”.

A CNT denuncia tamén a discriminación existente con respecto á contratación, onde os equipos de limpeza de edificios levan oito anos cubríndose con contratos temporais de 6 meses. Este tipo de contratación, que non acontece nos servizos de rúa, xera un impacto moi negativo nas mulleres, impedindo a acumulación de antigüedade, o acceso á formación e en definitiva o progreso da carreira profesional.

Desde a CNT insisten na necesidade de rematar coa temporalidade en postos estruturais, que inciden negativamente na vida das persoas. O Concello de Cangas conta con 22 vacantes de limpadoras que cubre con contratos temporais de 6 meses a través dunha lista de contratación de 334 persoas.

Call Now ButtonChámanos