Enquisa HostaleríaDigna

A CNT denuncia os incumprimentos do Concello de Brión co persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal

  • A CNT reclama a fixeza da relación laboral do persoal

  • Tamén se presentan varias demandas por pagar salarios inferiores aos correspondentes legalmente

  • A realización de horas extras e os incumprimentos da normativa de prevención de riscos son tamén circunstancias habituais

Para o sindicato CNT, os Concellos base dos GES deberían facerse cargo dos seus traballadores e traballadoras como “mostra de responsabilidade co servizo de emerxencias e coa cidadanía” e sinalase que nomeadamente o Concello de Brión incorre en graves irregularidades “non so ao realizar contratos eventuais para traballos de carácter permanente, senón que nin sequera conta cunha Relación de Postos de Traballo ao que adscribir ao seu persoal”.

Os GES constituíronse en 2013 tras superar o persoal un proceso de concurso-oposición e están vinculados desde entón ao Concello de Brión como persoal laboral. Estes contratos son temporais, aínda que en realidade os traballadores do GES ocupan postos estruturais e desempeñan unha labor permanente, como até recoñece o mesmo convenio marco a través do que Xunta, Deputacións e FEGAMP crearon e xestionan os GES.

Así, os traballadores deste servizo dec emerxencias fundamental para a cidadanía declaran atoparse “bastante intranquilos” nunha situación de incertidume onde ven perigar os seus postos de traballo e onde non reciben “nin a máis mínima explicación” sobre o seu futuro laboral por parte de ningunha das distintas administracións intervintes no seu marco regulatorio.

Así mesmo, os GES denuncian que o Concello de Brión non está a pagar as nóminas conforme ao grupo profesional que lles corresponden, deixando así de percibir milleiros de euros anuais polo seu traballo. Estas reclamacións económicas dos traballadores do servizo do GES “atópanse amparadas nos mesmos orzamentos muinicipais e nas propostas de RPT, se ben a vontade do Concello por cumprir a súa propia norma semella nula”, informan desde a CNT.

Para alén, os traballadores do servizo non perciben ningunha remuneración polas horas extraordinarias que realizan, que segundo o sindicato “alcanzan até as 300 horas extraordinarias cada ano, un 20% da xornada máxima”. Tampouco se estarían a aboar as compensacións de nocturnidade e festividade nin a compensación do horario de verán, do que si que desfruta o resto de persoal do Concello. A CNT cifra a débeda do Concello “por volta dos 20.000 con cada traballador do GES, e so para as cantidades referidas ao ano 2018”.