Unha nova xornada de protestas da Sección Sindical da CNT do Consorcio de Igualdade e Benestar

  • 10 traballadoras do Consorcio entran na Xunta de Galicia para tratar de falar cos señores Rueda e Barreiro, que se agochan e escapan ante a incredulidade das sindicalistas.
  • Dende a Sección Sindical valoran como un grande éxito o seguimento da folga e a afluencia ás concentracións que de seguro non serán as últimas.

Os e as traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar estaban, hoxe xoves día 2, convocados a unha folga e a varias concentracións que se prolongaron durante toda a mañá. Ás 11 estaban berrando as súas consignas diante do Consorcio, despois unha caravana de coches achegouse a San Caetano. Unha vez alí organizouse unha concentración diante das portas da Xunta.

Mentres un abundante grupo de traballadoras berraban fronte a xunta consignas como “Non ao ERE de mulleres”, “Folga silenciada, noticia vetada” ou “As que estamos quedamos”, outras entraron no edificio para tratar de falar con alguén que desbloquee esta inxusta situación que están a vivir.

En primeiro lugar achegáronse aos sindicatos, onde só conseguiron falar cun representante de CC.OO., que deixou en evidencia a pouca importancia que dende estas siglas dan ao persoal temporal, aclarando que están a defender os intereses do persoal fixo. Iso si, emprazounos a reunirse co Coordinador da autonómica de Galicia, a ver se el podía saber algo de estas traballadoras que levan dous anos de protesta.

En segundo lugar estas traballadoras trataron de falar co Sr Barreiro, Director Xeral de Función Pública, que tras permanecer pechado no seu despacho durante un anaco longo saíu ás agochadas ao tempo que a súa secretaria trataba de manter lonxe á representación das traballadoras, para desaparecer o máis rápido que puido.

Por último a representación das folguistas dentro da Xunta tratan de falar co Sr Presidente Rueda, co que se atoparon fronte a sala de prensa. O Sr. Rueda acelerou o paso para entrar á rolda mentres un grupo de axentes da Policía Nacional ameazaba ás traballadoras con denuncialas por quebrantamento da propiedade. Xa identificadas foron testeemuñas de como o Sr Presidente abandonaba a rolda pola porta de atrás para non falarlles.

A Policía Nacional acompañou ás compañeiras fora das instalacións, onde as recibiron entre palmas e berros todo o resto das traballadoras que continuaban fora agardando ás respostas de todos estes representantes públicos que non queren falar.

Call Now ButtonChámanos