Comezan as negociacións entre a CNT e o Consorcio de Igualdade e Benestar

  • O día 6 de setembro comeza a folga convocada pola sección sindical da CNT a causa do abuso de temporalidade e fraude estrutural na contratación que afecto ao persoal do Consorcio
  • Este xoves 26 de agosto produciuse a primeira reunión de negociación entre o comité de folga e a xerencia do Consorcio

A sección sindical da CNT ten convocada unha nova folga no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A folga convócase para dar solución á situación de temporalidade estrutural do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e dotar de estabilidade no emprego ao persoal que na actualidade presta servizos no devandito Consorcio e consistiría en paros continuados de dúas semanas cada mes durante os meses de Setembro, Outubro, Novembro e Decembro.

Coa intención de acadar un acordo previo ao inicio dos paros, a xerencia do Consorcio e o comité de folga mantiveron unha reunión este xoves. Desde a CNT valorouse positivamente o paso atrás dado polo Consorcio, que non recoñecía o comité de folga como interlocutor, e acudiuse á reunión co ánimo de alcanzar acordos dentro do marco de garantir unha solución ampla e favorable para todo o persoal en fraude de lei e abuso de temporalidade.

Entanto a sección sindical mantívose na súa proposta inicial de declarar a extinguir ao persoal do Consorcio, de xeito análogo ao que se fixo noutras Comunidades en situacións similares, se ben con vontade de escoitar outras posibles alternativas desde a xerencia. Esta trasladou a oferta de paralizar o proceso selectivo do persoal do Consorcio mentres analizan a nova situación legal a cambio de que a sección sindical desconvoque a folga. O comité de folga mantívose na súa proposta de fondo inicial e amosouse aberto a considerar a suspensión da folga até o momento no que o goberno central publique o novo decreto sobre estabilización e esixiu o mantemento das negociacións sobre a cuestión de fondo até a convocatoria dos procesos selectivos para o persoal do Consorcio, proposta que foi aceptada pola xerencia á espera da súa autorización por parte de Función Pública. Ambas as partes emprazáronse a avanzar nestas cuestións nunha próxima reunión que terá lugar o vindeiro martes 31 de agosto.

Finalmente discutiuse a proposta de servizos mínimos elaborada pola xerencia, que desde o comité de folga se considerou extremadamente abusiva, dado que case duplica o número de efectivos con respecto a folgas anteriores. O comité mantívose na súa proposta inicial de manter os servizos de fin de semana, abríndose a negociar sobre a base dos servizos mínimos decretados para as folgas anteriores. Ante a negativa da xerencia e a expresión manifesta da súa vontade de impoñer vía decreto a súa proposta, desde o comité de folga rexeitáronse de plano por abusivos e anunciouse que os servizos mínimos serán impugnados na vía xudicial.

Call Now ButtonChámanos