Sentenza de fixeza tras acceso por listas ao Consorcio IeB

  • Declarada fixa unha traballadora dunha Escola Infantil do Consorcio IeB que accedera ao seu posto a través dunha lista de agarda para persoal temporal
  • O xulgado considera que a Administración emprega procesos selectivos realizados con todas as garantías constitucionais para realizar contratos en fraude, rebaixando así os dereitos laborais das traballadoras
  • A sentenza recalca a responsabilidade de Pilar Candocia, como asesora, á hora de artellar nas Escolas Infantís unha rede de contratación temporal fraudulenta que afecta maioritariamente a mulleres

Novamente un xulgado, neste caso o nº2 de Compostela, dá a razón á CNT e declara o carácter fixo da relación laboral dunha traballadora temporal da rede de Escolas Infantís do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar. Esta traballadora fora contratada no ano 2008 cun contrato de obra ou servizo determinado “para o curso escolar 2008/2009”, sendo así evidente a fraude na contratación, pois a traballadora leva ocupando durante trece anos o mesmo posto con este contrato inicial.

Con todo, o xulgado vai máis alá e declara que, aínda que a traballadora non superou o proceso selectivo inicial e quedou nunha “lista de agarda para a cobertura temporal de postos de traballo”, debe ser declarada traballadora fixa xa que a súa elección axustouse aos principios de igualdade, mérito e capacidade e os incumprimentos da legalidade recaen na Administración ao empregar unha modalidade contractual que non resulta axeitada á natureza do posto.

Desde a CNT recálcase “que pouco a pouco vaise asentando a evidencia de que as traballadoras non poden pagar as ilegalidades da Administración” e que a pesares das críticas recibidas doutras organizacións sindicais que foron cómplices da fraude “refórzanse os argumentos” que se veñen expoñendo desde a CNT en relación á fixeza no Consorcio IeB

Así mesmo, a sentenza deixa ver que o Consorcio IeB deseñou desde o inicio un entramado legal que pretendía levar a cabo contratacións fraudulentas do persoal a través de procesos selectivos completos que contaban con todas as garantías, e sinala que no caso que nos ocupa, foi Pilar Candocia, xerente adxunta de Galescolas do Consorcio IeB entre 2006 e 2009, a que asesorou e puxo en marcha estes procesos que tiveron como consecuencia establecer unha forma permanente de precariedade laboral e crearon unha temporalidade estrutural que afecta maioritariamente a mulleres, que supoñen por volta do 90% do persoal do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar.

Esta sentenza é un pulo importante para as revindicacións das traballadoras do Consorcio IeB que están actualmente en folga para reclamar a estabilidade do seu posto de traballo e que fan un novo chamado público á Xunta de Galicia e Xerencia do Consorcio IeB para que se senten a negociar unha solución para o persoal temporal en fraude e abuso de temporalidade do ente público que abrangue ás escolas infantís da Galiña azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais.

Na CNT quedamos á disposición para solucionar as vosas dúbidas e preocupacións mediante consultas individuais ou sesións informativas orientadas a grupos reducidos.

Non dubidedes en contactarnos!

Teléfono: 981 590 910 // Mail: sindical@cnt.gal // CNT.gal

Enlaces de interese:

Call Now ButtonChámanos