Nova sentenza de fixeza no Consorcio IeB

  • O Gabinete Xurídico e Sindical continúa coa súa defensa das traballadoras e traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
  • A Xustiza volta novamente a dar a razón aos argumentos defendidos polo Gabinete Xurídico da CNT dende o principio do conflito
  • As sentenzas favorables á fixeza deben obrigar á Xerencia e á Función Pública a súa negativa aprocurar unha solución negociada á temporalidade

O Xulgado do Social nº 5 ven de declarar fixa a relación laboral dunha traballadora do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar tras a demanda presentada pola CNT. Deste xeito, o xulgado dá novamente a razón aos argumentos de fixeza esgrimidos sempre polo Gabinete Xurídico da CNT fronte á fraude na contratación e o abuso na temporalidade existente no sector público. Esta nova sentenza entende que a traballadora superou un proceso selectivo que respectaba os principios de “publicidade, capacidade, igualdade e mérito” necesarios para o acceso ao emprego público de maneira fixa, aínda que a Administración cualificase o proceso como “selección de persoal temporal”.

Desde a CNT recálcase “que pouco a pouco vaise asentando a evidencia de que as traballadoras non poden pagar as ilegalidades da Administración” e que a pesares das críticas recibidas doutras organizacións sindicais que foron cómplices da fraude “refórzanse os argumentos” que se veñen expoñendo desde a CNT en relación á fixeza no Consorcio IeB

Se ben é certo que, neste caso, a traballadora superou o antedito proceso selectivo, ilicitamente cualificado como temporal pola Administración, desde o sindicato e o comité de folga no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar considérase que na actualidade todas as traballadoras do organismo deben manter os seus postos de traballo dadas as circunstancias de exclusión do mercado laboral ás que se verían expostas unha vez se producira o ERE prantexado pola Xunta. Así, esta sentenza supón un novo recoñecemento das demandas que sustentan a folga convocada polas traballadoras e un novo impulso que se verá reflectido nas próximas xornadas de folga e mobilizacións, que continuarán até que todas as persoas que se atopan en situación de fraude de lei obteñan unha respostas por parte da Xunta e a Xerencia do Consorcio ás súas lexítimas demandas.

Na CNT quedamos á disposición para solucionar as vosas dúbidas e preocupacións mediante consultas individuais ou sesións informativas orientadas a grupos reducidos.

Non dubidedes en contactarnos!

Teléfono: 981 590 910 // Mail: sindical@cnt.gal // CNT.gal

Enlaces de interese:

Nova sentenza de fixeza no Consorcio IeB

Call Now ButtonChámanos