O TXUE pronuncíase contra o abuso do persoal público temporal no Estado Español

A CNT esixe ás administracións públicas a conversión a fixo do persoal temporal en fraude

  • Sentenza do TXUE pronúnciase claramente contra o abuso do persoal público temporal no estado español
  • Anímase tamén a todo o persoal afectado a non deixar pasar a oportunidade de reclamar a conversión a fixo

Este xoves 22 de febreiro de 2024 foi publicada unha nova sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) referente á situación do persoal público temporal. Nesta ocasión resolve unha cuestión prexudicial elevada polo Tribunal Superior de Justicia (TSJ) de Madrid en relación á situación de varios traballadores temporais.

O TXUE critica fortemente o sistema de emprego temporal no sector público español co persoal traballando “de forma precaria durante anos” e sendo utilizado de forma “abusiva” para “satisfacer necesidades permanentes e estables en materia de persoal”, que deberían terse cuberto xa con persoal fixo.

A sentenza do TXUE afonda así, unha vez máis, nas carencias lexislativas españolas a respecto do seu persoal público temporal e volve incidir na nefasta xestión da administración pública a respecto do seu persoal.

En opinión da CNT, á falta dunha análise máis detallada, esta sentenza do TXUE é máis positiva que outras anteriores, e entendemos que marca a liña que seguirán sentenzas aínda pendentes por resolver, entre ellas as presentadas pola CNT. Estas sentenzas deberán resolver de maneira máis clara cuestións sobre a temporalidade, o abuso e a figura do indefinido non fixo, cuestións que de momento,  seguen a resolverse con certa ambigüidade e moita marxe para as Administracións e os órganos xurisdicionais á hora de interpretar ou aplicar as súas resolucións.

Atendendo á análise da sentenza, esta declara basicamente, que a figura do persoal indefinido non fixo é persoal temporal, que os procesos de consolidación non son suficientes, que a indemnización de 20 días por ano ao persoal cesado non é válida, e que a conversión do persoal indefinido non fixo en persoal fixo é unha opción válida.

Entrando máis en detalle, e punto por punto, o que ven facer o TXUE é cuestionar levemente as resolucións do Tribunal Supremo e as propias normas de estabilización do goberno español, e redunda na existencia dun abuso estrutural da temporalidade no sector público español que está sen resolver, pero non obriga necesariamente á adopción de ningunha medida directa por parte dos tribunais españois nin do goberno.

Con todo, é importante sinalar que todas as demandas que desde a CNT se foron presentando nos últimos anos, e con elas todas as reivindicacións do persoal temporal da administración, van sendo refrendadas polos tribunais europeos, aínda que de momento moitas delas sexan negadas polos tribunais españois e polos sindicatos pactistas. 

Poñendo o exemplo da Xunta de Galicia, debemos lembrar que todos os sindicatos da mesa xeral, comezando pola CIG e rematando nos socios do PP que se fan chamar CCOO e UGT, sempre negaron a legalidade da conversión do persoal indefinido non fixo en persoal fixo, igual que defenderon os procesos de estabilización e as indemnizacións que supostamente pagará a administración. En definitiva, todos estes sindicatos defenderon por activa e por pasiva a legalidade do proceder da Xunta de Galicia.

Cales poidan ser as consecuencias desta nova sentenza é difícil de valorar, xa que depende da voltade por solucionar a situación desde os órganos xurisdicionais e de goberno, pero entendemos que deberían ser as seguintes:

1.- Conversión automática en persoal fixo de todo o persoal indefinido non fixo e, de existir trabas legais (incluso constitucionais) que o impidan deben ser removidas.

2.- Fin das indemnizacións taxadas por incumprimentos legais na contratación

3.- Os procesos de consolidación ou estabilización en curso deben eliminar todas as prazas ocupadas na actualidade por persoal indefinido non fixo.

Entendemos que pode haber máis consecuencias, pero dependerá da acción ou inacción da administración, caso no que incluso poderíase contemplar a posibilidade de revisar os procesos xudiciais que declaran indefinido non fixo ao persoal en fraude de lei, pero estas son aínda cuestións que deben ser analizadas máis a fondo polos nosos servizos xurídicos.

Por último, desde a CNT instamos a todas as Administracións públicas a retirar “inmediatamente” dos procesos de estabilización as prazas do persoal indefinido non fixo para proceder á conversión en persoal fixo. Polo mesmo, animamos tamén a todo o persoal afectado a non deixar pasar a oportunidade de reclamar “o que é de Xustiza e de sentidiño común”.

Call Now ButtonChámanos