Folga e cazoladas do persoal en fraude do Consorcio IeB

  • Máis de 7000 sinaturas de apoio presentadas no Parlamento de Galicia
  • Centos de traballadoras participan das cazoladas convocadas pola CNT en todo Galicia
  • Incremento do seguimento nesta oitava xornada de folga 
  • A CNT chama a participar da caravana de protesta do 13 de xuño

Continúa a folga convocada pola CNT no Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar á que está convocado o persoal en fraude e abuso de temporalidade.

Nesta oitava xornada de folga a CNT valora a participación “moi positivamente” ao manterse arredor do 50% das traballadoras en fraude de lei e cunha importante participación en case a totalidade dos centros de traballo. O sindicato salienta que o seguimento da folga e as protestas “está indo a máis” co paso das xornadas de folga.

Neste día de folga as protestas comezaron ás 12h diante do Parlamento de Galicia onde unha animada concentración anunciaba a presentación das máis de 7000 sinaturas de apoio. Estas sinaturas veñen sendo recollidas polas traballadoras durante as últimas semanas entre as familias e cidadanía que apoian así as xustas reivindicacións do persoal en folga e solicitan a Xunta e Xerencia do Consorcio IeB que de senten a negociar para tentar buscar unha solución para a estabilidade do persoal en fraude.

A delegación do sindicato aproveitou a ocasión para achegar o apoio recibido e as reivindicacións aos grupos parlamentares. Deste xeito puido comprobarse que non hai novidades nos posicionamentos políticos, continuando o tíbio apoio no que está instalada a oposición de BNG e PSOE, e o sorprendente ofrecemento de diálogo do PP que non se materializa na práctica.

E na tarde deste día de folga o persoal do consorcio IeB fixo soar as cazolas polas rúas e prazas de Burela, Fene, A Coruña, Compostela, Boiro, Vilagarcía, Moaña, Vigo e Ourense. Protestas nas que as traballadoras en folga estiveron acompañadas por familias e onde ruidosamente visibilizaron as súas xustas reivindicacións de estabilidade laboral. 

O persoal do Consorcio, ao igual que todo o persoal público temporal está chamado a participar da caravana de protesta convocada para este vindeiro domingo 13 en Compostela. O calendario de mobilizacións continúa aberto e aos actos xa programados iránse sumando novas protestas.

A folga convócase para dar solución á situación de temporalidade estrutural do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e dotar de estabilidade no emprego ao seu plantel actual.

A folga convocada pola CNT ten como obxectivo regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto  (oposición, listas, subrogación,…) toda vez que a Xunta de Galiza ven de incluír a practica totalidade das prazas na oferta de emprego público (OPE) publicada a finais de 2020.

A folga convocada pola CNT está prantexada para todo o persoal pertencente ás escolas infantís da Galiña azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais.

A Dirección Xeral da Función Pública e a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar seguen a desoir as peticións de reunións realizadas pola CNT en canto as revindicacións da folga. Nestas solicitudes indícase que este sindicato está aberto a tratar calquera proposta amparada na legalidade que poda dar unha solución de temporalidade estrutural e fraude que non xere discriminación, así como realizar propostas alternativas.

Call Now ButtonChámanos