Desconvócase a folga e intensifícanse as protestas do persoal en fraude do Consorcio IeB

  • A afiliación de CNT decide en asemblea desconvocar a folga e intensificar as mobilizacións.
  • Ábrese un periodo de reiteración do diálogo con Función Pública e a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar ata finais xullo.

Ante a ausencia de diálogo do goberno de Feijóo, a Sección sindical da CNT no Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar tomou a decisión de desconvocar a actual folga indefinida que foi convocada o pasado 17 de marzo e recrudecer as mobilizacións sociais. 

A folla de ruta aprobada en asamblea pola CNT, centrarase en intensificar as protestas esixíndolle a Xunta que se sente a negociar coas súas traballadoras.

As traballadoras valoraron tamén “moi positivamente” na asemblea as xornadas de folga realizadas en defensa da continuidade dos seus postos de traballo, a pesar dos servizos mínimos abusivos decretados. Considerase un éxito, tanto do propio seguimento da folga como a participación nas múltiples protestas realizadas polo persoal en folga.

As traballadoras afiliadas á CNT confían en que os responsables administrativos atendan as últimas peticións de reunións para atopar unha solución a unha situación que foi xerada desde a propia administración e da cal non é responsable o persoal do Consorcio IeB. Aínda que tamén advirten que “non se agardará indefinidamente pola resposta da Xunta ás peticións formuladas” e que  “se continuará coa presión e as mobilizacións” dando de prazo ata xullo para ter unha resposta da Xunta.

A Sección sindical da CNT no Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar tiña convocada folga indefinida desde o pasado 17 de marzo e que viña desenvolvéndose en paros de 24 horas en martes alternos durante os meses de marzo, abril, maio e xuño. Nesta folga estaba chamado a participar o persoal das escolas infantís da Galiña Azul, dos fogares resindenciais, centros de día, centros de acollemento e persoal de servizos de inclusión e contra a violencia de xénero e demáis persoal do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar.

A CNT ven insistindo na petición dunha reunión inminente con Función Pública e a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para tentar buscar unha solución ao conflito prantexado coa situación do persoal temporal en fraude de contratación e abuso de temporalidade.  Xa son moitas as peticións previas enviadas durante a folga e que non teñen resposta por parte da Xerencia do Consorcio nin da Secretaría Xeral da Función Pública. 

Nas peticións indícase a viabilidade da proposta prantexada inicialmente pola CNT co obxectivo de dar solución á situación de temporalidade estrutural do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e dotar de estabilidade no emprego ao persoal que na actualidade presta servizos Consorcio. Esta situación de fraude e abuso e unicamente responsabilidade directa da Xunta de Galicia e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Tras 14 anos de actividade, ningún destes dous organismos prantexou unha solución a esta situación de “manifesta ilegalidade” nin levou a cabo ningunha medida de corrección da mesma. Esta situación, ao prolongarse durante un período tan longo, multiplica os efectos negativos sobre o persoal que padece esta situación.

Call Now ButtonChámanos