Comentario á sentenza do TXUE de 3 de xuño de 2021 (Asunto IMIDRA)

Recentemente ven de coñecerse unha nova sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que resalta os incumprimentos da Administración Pública española en materia de contratación do seu persoal. Trátase dunha sentenza relativamente importante en canto que asenta a procedencia dunha liña de demandas baseadas na práctica ilícita da administración á hora de contratar temporalmente a persoal que cubre postos estruturais, e nese sentido aporta seguridade aos traballadores e traballadoras públicas en fraude de lei e abuso de temporalidade, en canto que reitera que un único contrato prorrogado automaticamente entra no ámbito da aplicación da Directiva e que reitera que as razóns de índole orzamentaria non son causa xustificativa do abuso na contratación temporal. Con todo, a súa importancia debe ser matizada.

En primeiro lugar, non aporta nada sistematicamente novidoso, é máis, é unha sentenza redundante e reiterativa que é materia de actualidade máis pola persistencia da administración en levar a cabo prácticas ilícitas de contratación que polo seu contido, que se limita a recordar a obriga de limitación para a cobertura das vacantes, e establece con claridade a necesidade de establecer un límite temporal á conclusión dos procesos selectivos que serven de causa para a contratación de interinidade por vacante.

En segundo lugar, non supón en ningún caso, cando menos de xeito directo (interpretable polos tribunais nacionais), como se desprende dalgúns comentarios de certos avogados, a conversión en fixos de todo o persoal en fraude de lei. Esta sentenza limítase a sinalar que a conversión a persoal indefinido non fixo do persoal interino en cobertura de vacante para o que non se tivese convocado o correspondente proceso selectivo é unha medida aceptable legalmente. Pero semella cuestionar se a indemnización por cese e non polo abuso en si sexa suficiente, que xa se adiantara no caso SANTORO.

En definitiva, non hai grandes avances nesta sentenza en relación á fixeza, pero si en relación, no concreto caso de Estado Español, en relación aos límites na contratación de interinidade, declarando contraria a Directiva a interpretación do Tribunal Supremo. Como sempre defendemos desde a CNT, o recurso á vía xudicial é un recurso importante pero limitado. En todo momento desde o sindicato fixemos uso deste recurso e seguimos recomendándoo (de feito, son nosas as sentenzas pioneiras no recoñecemento de fixeza no estado español), pero non pode substituír outras formas de solución ao problema de temporalidade estrutural na administración. Desde a CNT seguimos defendendo a importancia de articular outras formas de conflito sindical (das que a folga do persoal do Consorcio Galego de I+B é un bo exemplo) e lembramos que a solución definitiva virá de vencer a falta de vontade política dunha administración que se nega a negociar co persoal en folga ou que vende milagreiras reformas do EBEP que, acaso, aínda han empeorar a situación dos traballadores e as traballadoras do sector público.

Call Now ButtonChámanos