CNT reclama á Subdelegación do Goberno de Coruña que se cumpran os protocolos no traslado de pacientes

  • A CNT, despois de presentar en xaneiro unha denuncia ante a fiscalía por temas de seguridade e saúde para os traballadores de ambulancias, volta a reclamar o cumprimento dos protocolos
  • Nalgúns casos, a situación implica un risco alarmante ao “levar até 7 pacientes xuntos na ambulancia
  • A empresa pon en perigo aos traballadores, os pacientes e o resto dos habitantes que poderían verse afectados por un contaxio masivo de COVID19

Os incumprimentos en materia de Prevención de Riscos Laborais parecen terse acomodado nas empresas Ambulancias María Pita SL, Servicios Sanitarios de La Coruña SL e UTE Servicios Sanitarios de La Coruña SL – María Pita, concesionarias do servizo de transporte non urxente e hospitalario na área sanitaria da Coruña e Cee. Deste xeito, as empresas baixo a contratación do SERGAS e a dirección de Amparo Lage Pardo como supervisora de Admisións de hospitalizacións do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), xeran unha situación moi comprometida para a saúde dos galegos e galegas. Estase “ordenando levar até 7 pacientes xuntos na ambulancia, ás veces até na cabina do condutor” contravindo calquera normativa local, autonómica o estatal así como todas as recomendacións e indicacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) ao respecto de distancias de seguridade para evitar un contaxio incontrolado do COVID19.

Se os traballadores e traballadoras do servizo xa se atopaban unha situación de carencia en materia de Prevención, o actual Estado de Alarma saca a relucir todos os riscos e problemas aos que se enfrontan estes empregados que se sitúan na primeira liña de defensa fronte ao COVID19. De pouco servirá o confinamento xeral de todos os habitantes se, no mesmo tempo, os empregados da saúde pública teñen que transportar persoas afectadas co COVID19 en pequenos habitáculos de forma conxunta.

Ante estes e outros graves incumprimentos en todo o ámbito laboral, a CNT continuará coas denuncias, demandas e reclamacións para que se tomen cartas no asunto coa maior brevidade posible a fin de protexer a saúde de toda a cidadanía.

Call Now ButtonChámanos