A CNT ao respecto da sentenza do TXUE e o persoal en fraude de lei

No día de hoxe ven de facerse pública a sentenza do TXUE nos asuntos acumulados C-103/18 e C-429/18, a aguardada sentenza sobre a situación do persoal funcionario interino na administración española.
Como levamos meses defendendo desde o sindicato, o TXUE non se desmarca do que xa viña dicindo nas múltiples sentenzas ditadas até día de hoxe, en particular nos asuntos acumulados C-184/15 e C-197/15.

Certamente o tribunal considera que a indemnización por despedimento improcedente é unha das medidas posibles que se poden tomar ante a situación de abuso da contratación temporal en fraude do persoal interino, medida posible xunto con outras, sendo o relevante que todas esas medidas deben ser interpretadas de conformidade coa normativa nacional, outorgando así un amplo marxe de discrecionalidade aos tribunais, sempre en cando a medida sexa disuasoria ante os actos de incumprimento da administración en materia de contratación.

Como era de aguardar, a sentenza non estima a fixeza automática, establecendo neste punto que os tribunais non poden ignorar as normas internas. Isto reafirma a nosa análise e o desenvolvemento que desde a CNT levamos facendo nestas demandas do persoal público desde o ano 2018.

En canto os nosos servizos xurídicos analicen con máis detalle a sentenza desde o sindicato faremos unha análise máis profunda

En relación ao persoal da administración que está a xestionar a súa situación coa CNT, e como levamos reiterado en múltiples ocasións, as súas demandas non dependen desta sentenza, xa que de ningunha maneira en ningunha demanda solicitamos a fixeza automática. Todas as demandas interpostas pola CNT ou en proceso de se presentar polo sindicato teñen unha base sólida fundamentada na superación dun proceso selectivo e na interpretación de normas estatais e autonómicas.

Desde o sindicato sempre manifestamos a dificultade que existía nestes procesos xudiciais e nunca pretendimos ter fórmulas automáticas para conseguir a fixeza, do mesmo xeito que sempre defendimos que existían múltiples posibilidades para plantexar os casos, prantexamento que moitas veces tivemos que facer en solitario e en contra de todo o resto de sindicatos.

En conclusión, debe dicirse que a sentenza é a aguardada en todos os seus aspectos e que non se modifica a situación do persoal público en fraude de lei de forma directa. Con todo, as súas indicacións sobre as medidas idóneas a adoptar poderán supor unha elevación da indemnización (despedimento improcedente) e unha probable tendencia á equiparación do persoal en fraude con contrato administrativo ao persoal laboral.

Call Now ButtonChámanos