A CNT denuncia a fraude na piscina municipal de Viveiro

  • A totalidade do persoal da piscina está contratado en fraude lei, nalgúns casos dende hai máis de dez anos
  • O Concello intentou romper a continuidade dos contratos aplicando un despedimento colectivo fraudulento e obrigando a asinar baixas voluntarias
  • En vez de asumir as ilegalidades levadas a cabo, o consistorio pretende convocar un novo proceso selectivo para despedir ao persoal que actualmente ocupa os postos de traballo

A CNT denuncia a situación que padece o persoal empregado na piscina municipal do Concello de Viveiro, gobernado pola socialista María Loureiro García, que acumula unha serie de ilegalidades propias do que a central anarcosindicalista considera “caciquismo doutro tempo”. 

Segundo o disposto nas demandas presentadas por parte do persoal da piscina, o servizo viña sendo prestado por unha empresa pública, Turviveiro SL, na que se subrogara a anterior concesionaria do servizo, Gaia SL. Cando en 2015 a alcaldesa decidiu reinternalizar os servizos, en lugar de proceder á subrogación do persoal con mantemento dos seus contratos indefinidos, tal e como estipula a lexislación, procedeu a despedilos a través dun ERE extintivo para a continuación, pero dándolle a posibilidade de que os traballadores asinasen a súa baixa voluntaria, enganándoos así para aforrar as indemnizacións. 

Para sumar máis ilegalidades, no mesmo día seguinte de liquidar a empresa pública, o Concello procedeu a convocar un proceso selectivo para estes mesmos postos que o persoal levaba anos ocupando, pero un proceso para persoal temporal, aínda que non existía ningunha dúbida sobre a estruturalidade dos postos de traballo, como deixa claro o feito de que os contratos de persoal estaban celebrados por tempo indefinido. Desta maneira, o proceso selectivo tiña que ter sido convocado para persoal fixo.

Pero, aínda máis, no ano 2019 o Concello inclúe as prazas de traballo nunha Oferta Pública de Emprego coa idea de sacar estes postos, a todas luces non vacantes, e así poder liberarse duns traballadores que resultan incómodos no Concello.

Por todos estes motivos, a CNT considera unha total irresponsabilidade e falta de respecto estas manobras por parte do Concello de Viveiro, e recorda “o semellantes que son no seu proceder ilícito, corrupto e caciquil todos os partidos políticos cando se trata de lesionar os dereitos da clase traballadora”.

Call Now ButtonChámanos