Nova xornada de folga no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

  • Nova xornada de folga convocada polas traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar
  • Convócase unha manifestación-caceirolada que sairá ás 11.30h da Alameda e rematará no Parlamento Galego (Compostela)
  • O persoal continúa reclamando unha negociación para dar solución á fraude de lei na que se atopan os seus contratos e a temporalidade da maior parte das traballadoras e traballadores
  • A Xunta insiste no ERE plantexado polo medio da convocatoria da OPE que levaría ao despedimento de centos de persoas e non negocia co Comité de Folga elixido polas traballadoras do organismo

A folga convocada por CNT comeza o vindeiro 13 de abril unha nova xornada. A folga, de carácter indefinido no tempo, iniciouse o pasado febreiro e prolongarase cada martes en semanas alternas. A convocatoria da CNT busca establecer unha negociación coa Xunta e a Xerencia do Consorcio para regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto (oposición, listas, subrogación,…) toda vez que a Xunta de Galiza ven de incluír a practica totalidade das prazas na última oferta de emprego público (OPE) a finais de 2020.

Esta convocatoria é para todo o persoal pertencente ás escolas infantís da Galiña azul, centros de día, fogares residenciais e todos os centros de traballo da rede do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, incluíndo o persoal de servizos centrais, está chamado á folga. A Administración e absolutamente responsable da situación de temporalidade abusiva actual e, con todo, continúa a desoir as peticións de reunións realizadas polas traballadoras a través do sindicato CNT para establecer unha negociación que permita atopar unha solución a esta situación. A pesar dos ofrecementos, os exemplos e as diferentes propostas que se fixeron dende o sindicato, a Xunta continúa coa convocatoria da OPE como única proposta.

A pesar dos servizos mínimos abusivos decretados polo Consorcio, a primeira xornada de folga do día 30 de marzo estivo marcada polo amplo seguimento pola parte das traballadoras de todas as zonas de Galiza nos distintos servizos do Consorcio.

Protesta no Parlamento Galego

Este 13 de abril, xunto á xornada de folga, o sindicato CNT convoca unha manifestación-caceirolada en Santiago de Compostela que dará comezo ás 11.30h e partirá dende a Alameda da cidade compostelá para rematar no Parlameto Galego. Deste xeito, as traballadoras instan a todos os grupos parlamentarios a que se reúnan con elas, escoiten as posibles solucións que veñen sendo estudadas e prantexadas dende o sindicato CNT e que non aboquen a centos de persoas a unha situación de desemprego que provocaría unha discriminación indirecta por razón de sexo.

A concentración chamará a defender os postos de traballo do persoal temporal en fraude de lei e abuso de temporalidade, e a paralizar a OPE 2020 namentres non se atope unha solución para a plantilla do Consorcio que garanta que todo o persoal que actualmente está traballando permaneza de forma estable no seu posto de traballo.

Apoio ás traballadoras do Consorcio

Na concentración anterior en San Caetano (Compostela), as traballadoras fixeron entrega de máis de cincocientas sinaturas de traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que reclamaban á Xerencia sentarse a negociar co Comité de Folga elixido polas propias traballadoras. Esta entrega de sinatura realizouse polo Rexistro Xeral sito en San Caetano e aínda non se recibiu ningún tipo de respostas nin ofrecemento de negociación para tratar de establecer unha canle de comunicación coas traballadoras.

Amais destas sinaturas, as traballadoras continúan recollendo sinaturas de apoio en todas as zonas da Galiza onde os servizos e o traballo desenvolvido polo persoal do Consorcio amosouse unha vez máis como de extrema necesidade tanto durante a pandemia como os anos anteriores e na actualidade. A pesar do escaso o nulo recoñecemento pola parte da Administración todas as persoas que traballan no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar continúan desenvolvendo as súas tarefas diarias coa máxima profesionalidade. Para mostra deste traballo, cabe recordar as amplas diferencias entre mortes e contaxios en residencias xestionadas por este persoal e as residencias privadas onde na Galiza vivimos un auténtico drama.

Próximas mobilizacións

O persoal continuará coas protestas o vindeiro martes 27 de abril na seguinte convocatoria de folga no Consorcio.

Tamén, ao igual que o resto do persoal temporal da Administración Pública, o persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar participará activamente na terceira caravana de coches prevista para o vindeiro domingo 11 en Compostela con motivo da convocatoria organizada a nivel estatal, nun momento que é crucial para o futuro de decenas de milleiros de traballadoras e traballadores dos servizos públicos que viven momentos de incerteza pola ameaza de despedimento logo de moitos anos de servizos á cidadanía e de padecer as ilegalidades levadas a cabo pola administración.

Call Now ButtonChámanos