ERTE Airas Catering

O ERTE de FREIRE CHICO SL (AIRAS CATERING) é impugnado pola CNT

  • A CNT demanda a presentación do ERTE por causa de forza maior da empresa FREIRE CHICO SL (AIRAS CATERING)
  • A empresa solicitou o ERTE un mes despois de iniciado o Estado de Alarma e mentres empregados seguían desenvolvendo os seus traballos
  • Ademais de actividades normais, a empresa consiguiu durante este período novas contratacións derivadas do propio Estado de Alarma

A empresa FREIRE CHICO SL (AIRAS CATERING) comunicou aos seus empregados a presentación dun ERTE por motivos que complicaban os “plans de tesourería” o pasado 20 de abril. Con todo, os motivos alegados na comunicación recibida ao día seguinte polos traballadores e traballadoras da empresa, o motivo para a aplicación do ERTE facía referencia á “causa de forza maior”. Estes cambios, ademais de non facilitar o informe económico pola parte da empresa que xustificara a procedencia do ERTE, fixeron que o Gabinete Xurídico e Sindical da CNT Galiza empezara a sospeitar da inadecuación do procedemento comezado pola mercantil.

Por estes motivos, o sindicato presenta unha demanda dado que entende que “non concorre o que se entende por “causa de forza maior” (nos termos do RDL 8/2020), polas seguintes razóns:

  • Non afecta á totalidade da plantilla;
  • O ERTE decrétase un mes e unha semana máis tarde que a declaración do estado de alarma, manténdose nese período a actividade normal, aínda que con limitacións, do traballador;
  • Non hai unha minoración da actividade cando o prezo das contratas suspendidas se garantiza mediante indemnización (vía art. 34 RDL 8/2020) e, a maiores, existen novas contratas ás que facer fronte. Non só non houbo unha diminución senón que houbo un incremento da súa actividade.”

Esta maniobra, utilizada por varias empresas no momento de Emerxencia actual, é parte dunha estratexia para evitar a necesidade da negociación recollida na normativa. É por isto que dende CNT Galiza pedimos aos traballadores e traballadoras prestar moita atención con estes procesos e contactar co sindicato en caso de dúbidas. Ante os abusos da patronal, o sindicato demanda a declaración da “nulidade ou subsidiariamente a inxustificación da inclusión do demandante no ERTE impugnado, condenando á empresa a estar e pasar polas consecuencias legais inherentes a tal declaración.“