Manifesto das traballadoras das Galiñas Azuis, centros de día, residencias e demais servizos do Consorcio de IeB da Xunta

Todos os e as traballadoras do Consorcio de IeB da Xunta están chamadas a unha folga de catro meses, do 5 ao 16 de setembro, do 3 ao 14 de outubro, do 2 ao 11 de novembro e do 12 ao 23 de decembro.

Somos o persoal das Galiñas Azuis, centros de día, das residencias, das vivendas comunitarias, das oficinas de I+B, dos centros Quérote+ e dos Servizos Centrais. No Consorcio Galego de I e B traballamos ao redor de 1500 mulleres, cunha idade comprendida entre os 35 e 55 anos e con cargas familiares. Entre o 90% e o 95% do persoal é temporal, será porque somos mulleres?

Levamos 5, 10 e ata 15 anos en fraude de lei por abuso da temporalidade, e agora, a Administración quere que demostremos a nosa capacidade para facer o que levamos tantos anos facendo con contratos en fraude de lei. A Xunta de Galicia incumpriu a Lei ao non darnos a oportunidade durante anos de estabilizar os nosos postos de traballo, e agora volve a incumprila.

O proceso selectivo que se está a negociar, non busca a estabilización do persoal e desmantelará os equipos de traballo. O resultado será a perda de capital humano, algo insubstituíble, e redundará na diminución irremediable da calidade do servizo. Que importa iso? A quen lle importa? Ao señor Rueda dende logo non, está claro, e menos a Conselleira, que encima minte descaradamente ao afirmar que se está a reunir con nos. Usarán eles estes servizos públicos?

As mulleres do Consorcio vémonos obrigadas a seguir adiante cunha folga durísima, que convocamos en xullo, e coa que queda en evidencia a absoluta indiferenza que mostran ante esta situación os seus responsables: Sr. Rueda, Presidente da Xunta de Galicia, Sra. Fabiola García, Conselleira de Política Social, Sr. Barreiro, Director Xeral de Función Pública e Sr. Perfecto, Xerente do Consorcio Galego de servizos de Igualdade e Benestar.

En dous meses ninguén se puxo en contacto con nós, ninguén tratou de parar unha folga que afectará fundamentalmente ás familias. Queremos amosar publicamente as nosas desculpas a todas as persoas que se verán afectadas, pero non podemos deixar isto correr. Esta folga busca que o proceso de estabilización do persoal sexa real e xusto. Non esiximos nada que estea fora da lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público:

  • Esiximos un proceso diferenciado do da Xunta de Galicia por ser o Consorcio un ente non integrado, e con particularidades, que de non telas en conta, suporían unha grave discriminación: durante máis de 10 anos as nosas nóminas foron entre un 30% e un 40% máis baixas que as do persoal da Xunta; non tiñamos acceso a formación; o Consorcio empezou a funcionar hai 15 anos, e pretenden que o cómputo máximo para a experiencia no posto sexa de 25 anos, isto . Agora queren que compitamos nun mesmo proceso no que estariamos claramente en desigualdade de condicións.
  • Esiximos que a experiencia no noso traballo diario no Consorcio conte o triplo que en calquera outra administración. Exactamente igual que ocorre no ámbito doutros entes como o Consorcio.
  • Esiximos que o concurso de méritos valore un 90% a experiencia no posto de traballo e un 10% a formación.
  • Esiximos que se puntúe a formación especializada que recibimos dentro do Consorcio.
  • Esiximos que a OPE para as prazas con abuso de temporalidade entre 3 e 5 anos teñan unha fase de oposición non eliminatoria; tal e como recolle a lei.

Se non se cumpren estas exixencias, o proceso selectivo resultante non será para a estabilización do persoal temporal abusado; será un ERE encuberto de mulleres que culminará co desmantelamento dos equipos de traballo.

Paralizamos un proceso selectivo inxusto e logramos, xunto con outras organizacións, que se tivera en conta a situación de miles de traballadoras e traballadores temporais, que foron obxecto de abuso por parte das administracións. Pero debemos seguir loitando para evitar o uso mal intencionado da Lei 20/21, que pretendía e pretende resarcir o dano, pero que a Xunta está claro que non ten a mesma pretensión.

Somos un colectivo de mulleres que tivo que aprender a loitar pola súa estabilidade laboral, e agora sabemos que a loita é o único camiño. Así o aprendemos gracias á administración que nos mantivo e situación de abuso durante anos.