A división sexual do traballo é insostible nunha sociedade xusta e igualitaria. As mulleres estamos explotadas no ámbito privado e no ámbito público. As traballadoras enfrontámonos día a día a un sistema capitalista e patriarcal cuxa existencia depende da nosa opresión. Violéntannos polo feito de ser mulleres.
Loitamos contra a fenda salarial: os sectores tradicionalmente feminizados teñen salarios inferiores, as mulleres cobramos menos que os homes por traballos de igual valor. Goberno, patronal e sindicatos son cómplices da negociación sistemática de salarios baixos nos sectores ocupados maioritariamente por mulleres.
Esiximos medidas obxectivas de acceso ao emprego e a promoción profesional. Esiximos a prohibición de dispoñibilidade e de formación a cargo da empresa fora da xornada laboral. Esiximos o establecemento de límites legais á liberdade de contratación por supoñer discriminación indirecta. Esiximos que o Goberno e sindicatos garantan o cumprimento da obxectividade no acceso ao emprego e a promoción profesional: as mulleres estamos empregadas menos hora e anos ao longo da nosa vida.
Queremos medidas reais de fomento da corresponsabilidade por parte dos nosos compañeiros. Queremos medidas reais de conciliación, permisos específicos para atender as emerxencias familiares, contar con servizos de gardaría e centros de día para persoas maiores a cargo das traballadoras e traballadores.
Non nos esquecemos das traballadoras do fogar, nunha situación especialmente grave e precaria, moitas delas en situacións de semi-escravitude, sen dereito ao desemprego, con despedimentos máis baratos, sen readmisión nos supostos de nulidade. O Goberno segue sen derogar a relación laboral de carácter especial e incluír a estas traballadoras no réxime xeral a todos os efectos, segue sen ratificar o Convenio 189 da OIT. Outra mostra máis, da precariedade dos traballos feminizados, aqueles que sosteñen a vida.
O neoliberalismo converte ás mulleres en produtos de consumo, por partes ou enteiras, de doado acceso, ao servizo dos desexos dos homes. Por iso falar de “traballo sexual” cando falamos de prostitución/pornografía é un eufemismo que branquea unha industria que se lucra da trata e explotación sexual das mulleres e nenas. Falar de “xestación subrogada” é un eufemismo que oculta a compra-venda de seres humanos e a explotación reprodutiva das mulleres.
Negar a violencia estrutural que sufrimos as mulleres polo feito de selo é unha manobra patriarcal máis. Sobre nós recaen os coidados, a educación e o traballo doméstico non remunerado. Sobre nós recae a violencia física e sexual. Sobre nós recae con máis forza a pobreza e a exclusión social.
As feministas da CNT Galiza, somos abolicionistas. Loitamos contra a explotación laboral, sexual e reprodutiva das mulleres, ata acadar a igualdade real. Loitamos contra calquera forma de opresión e discriminación das mulleres. Loitaremos até que as mulleres teñamos unha vida digna e plena de dereitos, defendendo os nosos principios de apoio mutuo e solidariedade, tendendo a man ás nosas iguais. Organizámonos para acadar unha sociedade libre e igualitaria.
Compañeiras, feminismo ou barbarie!