ACNUR despide ao traballador pola súa actividade sindical dende a CNT

  • O afiliado á CNT presentou unha demanda pola Modificación Substancial das Condicións Laborais e recibiu o despedimento como resposta
  • A Asociación España con ACNUR únese ás empresas do sector de captación de socios que utilizan prácticas antisindicais
  • O sindicato reclama a reincorporación ao posto de traballo e unha indemnización polo despedimento nulo

España con ACNUR ofrece a súa verdadeira cara cando se trata de dereitos en materia laboral. Deste xeito, o afiliado á CNT comezou a reclamar os seus dereitos fai meses a través do sindicato. Nos últimos días, e tras unha modificación substancial das súas condicións laborais, o sindicato viña de presentar unha demanda para recuperar as condicións laborais que lle correspondían ao afiliado. A empresa cambiou os criterios para o cobro dos pluses correspondentes ao salario dos traballadores e traballadoras tratando así de endurecer as condicións. Por outra banda, obviando toda a lexislación vixente actual en materia de negociación colectiva, ACNUR comunica esta modificación ao seu persoal de xeito individual e sen ningún tipo de negociación colectiva. Todos estes puntos fan que a medida resulte “totalmente arbitraria e improcedente” como ven de reclamar a CNT pola vía xudicial.

Unha vez recibida a notificación da denuncia anterior, ACNUR apresurouse a despedir ao traballador afiliado á CNT alegando unha baixa no rendemento do seu traballo que non se corresponde coa realidade. O traballador ven de ser apartado dos lugares de captación máis habituais dende que comezou coas súas demandas laborais. O único cambio dos últimos días é a demanda anterior presentada pola CNT e que ACNUR non parece aceptar.

Dende a CNT temos experiencia en conflitos laborais con supostas organizacións non gobernamentais que se dedican á captación de socios. Deste xeito, vimos de obter varias vitorias xudiciais fronte a Médicos Sin Fronteras en diferentes supostos nos que os traballadores e traballadoras afiliados ao sindicato recuperaron os dereitos laborais que a empresa pretendía arrebatarlles.

Call Now ButtonChámanos