A CNT insiste en negociar unha solución para o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

  • O sindicato envía novamente peticións de reunión aos grupos parlamentarios para negociar unha solución ante a folga inminente convocada
  • A CNT envía tamén a petición para o inicio da negociación con Función Pública e a Xerencias do organismo
  • Aínda hai tempo suficiente para buscar unha solución ao conflito prantexado polos traballadores e traballadoras

Coa convocatoria de folga anunciada o pasado 28 de xaneiro que se iniciará o vindeiro 18 de febreiro, a CNT envía unha nova petición á Función Pública e a Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o “inicio da negociación de boa fe co ánimo de intentar buscar unha solución ao conflito prantexado”. Tras as peticións previas enviadas nas datas de 28 de decembro de 2020, 7 de xaneiro de 2021 e 18 de xaneiro de 2021, o sindicato insiste en que aínda é posible lograr un acordo para todos os traballadores e traballadoras do organismo.

A petición da apertura das negociacións vai acompañada dunha “primeira medida proposta para dar solución ao problema da estabilidade no emprego do persoal do Consorcio, propoñéndose o mantemento como persoal propio do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na condición de persoal a extinguir de todo o persoal en situación de fraude de lei ou en todo caso con máis de tres anos de antigüidade ou que estea contratado baixo a modalidade de contratos de obra ou servizo ou que estea contratado baixo a modalidade de contratos eventuais ou que estea contratado baixo a modalidade de contratos de interinidade para cubrir unha vacante até a súa cobertura regulamentaria, todo isto sen prexuízo da negociación doutras medidas que puidesen conseguir o mesmo obxectivo sinalado na convocatoria de folga.”

Por outra banda, o sindicato envía tamén novas peticións de reunións a todos os grupos parlamentarios, así como á Comisión Parlamentaria de Sanidade, Política Social e Emprego. Nas peticións indícase que “esta folga convócase co obxectivo de dar solución á situación de temporalidade estrutural do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e dotar de estabilidade no emprego ao persoal que na actualidade presta servizos no devandito Consorcio”.

Dende a CNT chámase a atención en que a práctica totalidade do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, en todas as súas áreas e departamentos, se atopa en situación de fraude de lei na contratación e de abuso de temporalidade, en moitos casos desde o ano 2007.

Esta situación de fraude e abuso e só responsabilidade directa da Xunta de Galicia e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Tras 14 anos de actividade, ningún destes dous organismos prantexou unha solución a esta situación de “manifesta ilegalidade” nin levou a cabo ningunha medida de corrección da mesma. Esta situación, ao prolongarse durante un período tan longo, multiplica os efectos negativos sobre o persoal que padece esta situación.

Os traballadores e traballadoras afiliadas á CNT confían en que tanto os responsables administrativos como políticos atendan estas últimas peticións de reunións e negociación e podan atopar unha solución a unha situación que foi xerada dende a propia administración e da cal non son responsables os traballadores e traballadoras.

Call Now ButtonChámanos