“Accidentada” reunión informativa sobre a estabilización en San Caetano

Este martes 24 de maio programouse en San Caetano (Compostela) unha charla informativa sobre estabilización na Xunta de Galicia. A xornada iniciouse coa sorprendente negativa de abrir o salón de actos previsto para a charla. Tras varias xestións e tras descubrir que este veto á información proviña de Función Pública, os máis de 60 asistentes desprazáronse ata o hall de Presidencia do edificio administrativo para facer alí mesmo a charla.


Anécdotas á parte, tratouse de facer un resumo da situación actual do persoal público temporal da Xunta unha vez que varios compañeiros de Amtega lograron reunirse co sr. Barreiro, Director xeral de Función pública, quen adiantou un pouco as liñas que segundo el van seguirse:

  • Exclusión da estabilización das prazas correspondentes ás convocatorias de decembro de enxeñeiros/as e informática (faltando á súa palabra)
  • Posibilidade de aumento nas convocatorias dun 10% das prazas ofertadas de detectarse erros
  • Fase de oposición eliminatoria no caso de concurso-oposición
  • Galego obrigatorio
  • Distribución méritos do concurso 85% para a antigüidade no corpo e categoría obxecto da convocatoria e 15% para formación
  • Valoración dos méritos (experiencia e formación) “lixeiramente” modulados en favor do persoal propio (está estudando o tema asesoría xurídica) adiantando que será dun 20% como moito
  • Experiencia puntuable de 20 a 25 anos de máximo
  • Concurso de traslados posterior aos procesos de estabilización

Con todo isto, tal como viñamos adiantando desde a CNT:

  • Non sairán todas as prazas que deberían saír, entre as excluídas por estar convocadas e as que non se inclúen por erro, polo que haberá claramente menos prazas a repartir entre todo o persoal a estabilizar
  • A valoración pretendida nos méritos en favor do persoal propio é ridícula, todo o contrario do que se está vendo noutras administracións, polo que competiremos con moita xente doutras administracións.
  • Que en caso de superar o proceso a “xogada” do concurso de traslados para o persoal funcionario fará que aquelas persoas que sobrevivan ao proceso rematen estabilizándose nas prazas que “sobren”.

Desde a CNT adiantouse que, á espera de como se concreta a oferta extraordinaria reclamarase xudicialmente todo o posible, como tamén de seguro terá que facerse coas convocatorias concretas onde falten ou estean erradas  prazas.


Por último, animouse a todo o persoal temporal da Xunta a que se mobilice en defensa do seu posto de traballo, aínda hai cousas pendentes de concretar polo que hai marxe para mellorar unha estabilización que polo, que parece, está lonxe de ser un proceso de estabilización real para o persoal temporal que presta servizo en fraude e abuso desde fai tantos anos.


Non aos despedimentos na Xunta de Galicia!!Adiante a loita por unha estabilización xusta e real!!!

Call Now ButtonChámanos