Co obxectivo de incrementar a presión no conflito que xa se prolonga por máis de dous anos, a Sección Sindical da CNT no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, realizou un escrache no congreso do PP de Galicia. As traballadoras recibiron ao Alfonso Rueda, que foi elixido como presidente nunha elección dunha única candidatura.
As persoas asistentes fixéronse fotos institucionais grupais para os medios diante da protesta mentres escoitaban os berros “O próximo parado, que sexa un deputado” ou “Non hai pan para tanto chourizo”. Despois de senllos discursos quiilométricos, Feijóo e Rueda tiveron que saír acompañados do ruído das cazolas e os berros do persoal temporal que manteñen en fraude tras máis de 14 anos.
A pesares da climatoloxía, as obrigas laborais e familiares, as traballadoras reuníronse na porta do acto a berrar os lemas habituais e realizar unha cazolada; do que foron testemuña os afiliados, conselleiros e altos cargos do PP galego e nacional. Pouco despois do inicio da acción as compañeiras do eido educativo da CUT sumáronse a protesta.
Estas accións encádranse na estratexia da sección para aumentar a presión durante o conflito e compre lembrar que continuarán coa folga do dia dous de xuño en todos os servizos do Consorcio.
FIXEZA XA!
AS QUE ESTAMOS, QUEDAMOS!