A mancomunidade de Concellos do Val Miñor comprométese a chegar a acordos ante o conflito do G.E.S. que se prolonga no tempo máis de catro anos

  • Os Representantes xurídicos de parte dos traballadores e da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor comprométense a achegar posturas, para intentar resolver un conflito que está latente dende fai máis de catro anos.

O conflito do GES da Mancomunidade, que ten a súa orixe en varias reclamacións laborais levadas a cabo por un grupo de traballadores, tivo como resultado unha situación de acoso e mal ambiente no traballo que rematou cunha sanción económica imposta por Inspección de Traballo.

A Mancomunidade, tras dar por resolto o conflito pagando a sanción, expedientou a dous traballadores en situación de incapacidade temporal. Os expedientados eran dous membros destacados na defensa das condicións de traballo e na denuncia de irregularidades, como o incumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais en materia de seguridade, falta de información, descoordinación no servizo, discriminación fronte a outros traballadores e un longo etc…

O día 12 de maio foi anulada a vista xudicial para resolver o caso sobre vulneración de dereitos fundamentais que ía ter lugar no xulgado do social no 3 de Vigo. Segundo a proposta da xuíza a Mancomunidade acepta o prazo de seis meses para chegar a un acordo cos traballadores, que pretenden poder reincorporarse, ao finalizar as súas incapacidades con todas as garantías de seguridade e saúde ao seu posto de traballo.

En caso de que non se chegara a ningún acordo firme por ambas partes o xuízo pospoñerase para o mes de novembro e con ampliación da demanda, que pasará a incluír non so á Mancomunidade como administración, senón tamén as persoas responsables ou que consentiron esta situación de acoso contra os traballadores.

Dende a Sección Sindical da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor da CNT agardamos poder resolver este asunto definitivamente nas vindeiras semanas, amosándonos esperanzadas ante un posible acordo. Compre lembrar que o dialogo foi a primeira ferramenta que usaron estes traballadores, mantendo diversas xuntanzas entre os distintos presidentes, sen que ningún deles tomara cartas no asunto nin se prestara a mediar nun conflito laboral sobradamente coñecido polos mesmos.

Call Now ButtonChámanos