A CNT insta ao Concello de Cervo a cumprir coa prevención de riscos para o persoal do GES

No ano 2023 a CNT demandou ao Concello de Cervo por incumprimento do estipulado en materia de prevención de riscos en relación do persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal. Esta demanda incluía a elaboración da avaliación de riscos e a planificación preventiva, a elaboración de procedementos de traballo seguro e de coordinación de actividades, a designación de recursos preventivos, e a elaboración dun plan de formación.

Chegados ao momento do xuízo sen ter solventado estas graves deficiencias, o Concello aceptou os seus incumprimentos e asinou un acordo mediante o que se comprometían a solventalas todas no prazo de 6 meses. Desde a sección sindical da CNT aceptouse o acordo entendendo que o alto nivel de incumprimentos da normativa laboral por parte do Concello esixía un prazo razoable para poder subsanar todos os problemas.

Con todo, superado o prazo de seis meses, o Concello non levou a cabo nin un so dos puntos do acordo, polo que desde o sindicato vese necesario instar xudicialmente o seu cumprimento. Ao mesmo tempo lémbrase que a observancia desta normativa é fundamental para que non se repitan situacións como a vivida hai dous anos durante o incendio no polígono de Cuíña. Así mesmo, enténdese desde o sindicato que a alcaldía podería estar incorrendo en diversos ilícitos de tipo penal, e instan a abandonar esta actitude e comezar a traballar para mellorar a situación laboral do persoal e cumprir estritamente co disposto en materia de prevención de riscos e saúde laboral.

Call Now ButtonChámanos