A Inspección de Traballo obriga ao Concello de Pontevedra a contratar máis persoal para o SEIS e a garantir a súa seguridade e saúde laboral

  • O Concello fora denunciado pola sección sindical da CNT
  • A ITSS dá un prazo de seis meses para solventar todas as deficiencias detectadas en materia de prevención de riscos psicosociais
  • En concreto, terá que intervir na excesiva carga de traballo, e na falta de autonomía e participación do persoal

Como resposta a unha denuncia presentada pola sección sindical da CNT no Concello de Pontevedra, a inspección de traballo emite un requirimento para que no prazo de seis meses o Concello contrate persoal bombeiro para o SEIS para que se cumpran as ratios mínimas e se dispoña de dotacións suficientes. Desde xeito verase rebaixada a excesiva carga de traballo do servizo e implicará traballar con maior seguridade tanto para os propios efectivos do SEIS como para a cidadanía en xeral.

Así mesmo, a inspección de traballo obriga ao Concello a dispoñer un horario de traballo e xornada para todo o persoal, de maneira que se garanta a efectiva conciliación da vida familiar e laboral do persoal. Neste sentido é de recordar a campaña levada a cabo polo persoal do servizo denunciando as especiais dificultades que a concelleira María do Carme Fouces Díaz impón a este respecto, coa escusa de que “os bombeiros non dan a teta”.

Do mesmo xeito, o Concello e a xefatura do servizo deberán ter en conta a opinión do persoal na elaboración dos procedementos de traballo e á hora de valorar as intervencións que se realizan, de forma que se deberán abandonar as prácticas despóticas e as actitudes autoritarias tanto da concelleira como da xefatura do SEIS.

Desde o sindicato enténdese que queda moito camiño que percorrer na defensa da dignidade profesional e a seguridade laboral do SEIS no Concello de Pontevedra, polo que se continuará denunciando todos os incumprimentos laborais e propoñendo melloras neste sentido.

Call Now ButtonChámanos