A CNT denuncia as condicións de seguridade do traballo dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais

  • Ademáis das demandas en marcha en varios Concellos, a CNT presenta tres novas demandas ante a Inspeción de Traballo nos concellos de Brión, Castro Caldelas e Cervo
  • A falta de medidas de seguridade pon en grave risco aos traballadores e aos viciños
  • As alcaldías e as concellerías responsábeis poderían incorrer incluso en responsabilidades penais

A CNT denuncia diversas irregularidades, que cualifican de moi graves, nos Grupos de Emerxencias Supramunicipais de diversos concellos. Segundo o sindicato anarquista, en casos como os Concellos de Brión e Castro Caldelas o Concello non facilita a avaliación de riscos nin a planificación preventiva do servizo, o que “provoca un grande desamparo dos profesionais e crea unha situación de perigo permanente“. Recálcase desde a CNT que esta información se solicitou tanto aos responsábeis municipais como ao Delegado de Prevención de cada un dos Concellos, “peticións das que non se recibiu resposta en ningunha ocasión, o que supón un grave incumprimento e pode implicar incluso responsabilidades penais por parte do Concello e do delegado de Prevención“.

Para o caso dos tres Concellos sinalados, Brión, Castro Caldelas e Cervo, a CNT denuncia situacións comúns como a inexistencia de Epis adecuados e suficientes para realizar con seguridade o traballo, o que cualifican de “moi grave e perigoso, dado que se tratan de EPIs de categoría III, é dicir, EPIs de deseño complexo contra perigo mortal ou que poda danar gravemente e de forma irreversible a saúde, tal e como se sinala no Real Decreto 1407/92”.

Tamén se denuncian deficiencias nas infraestruturas e en materia formativa, ao que hai que sumar as deficientes planificacións do traballo que se dan nos tres Concellos sinalados, con continuas modificacións das funcións dos traballadores (obrigándoos a realizar traballos que non figuran entre as súas funcións) e dos cuadrantes, chegando a traballar en certas quendas cun so efectivo, “o que provoca que se desatendan as funcións propias do GES como servizo de emerxencia, como tamén supoñen un risco para a propia poboación ao ocupar o GES en tarefas que o afastan da base e que consecuentemente incrementan o tempo de resposta a eventuais emerxencias”.

Segundo a central anarcosindicalista, “estas carencias son de tal magnitude que pode dicirse que o GES non conta na realidade con ningún tipo de planifcación preventiva efectiva e real, e que, deste xeito, as consecuencias que poden sufrir son de primeira magnitude así como as responsabilidades penais que se derivarían neste caso, ao realizar habitualmente traballos que entrañan perigo mortal”. Con todo, afirman que continuarán o seu traballo de denuncia da situación “aínda a pesar das trabas de servizos como a propia Inspeción de Traballo ou o Servizo Galego de Prevención de Riscos, que supostamente deberían servir aos intereses dos traballadores e non as conveniencias das empresas ou dos poderes políticos” e sinalan que “debe tratarse este tema como unha verdadeira emerxencia pública”.

Call Now ButtonChámanos