A CNT consegue que se modifique o salario durante as vacacións para o persoal do transporte sanitario da Galiza

  • Unha sentenza xudicial dá a razón á interpretación do sindicato e debe aplicarse en todas as empresas do sector.
  • O salario do persoal durante os periodos de vacacións verase aumentado.

Unha recente sentenza do xulgado do social da Coruña, recaida nun procedemento iniciado pola Sección Sindical da CNT na UTE SSC-María Pita da Coruña, dá a razón á interpretación do sindicato sobre a forma en que debe computarse o salario dos periodos de vacacións. Desde o sindicato indícase que esta sentenza é firme e de aplicación para todo o sector.

O convenio colectivo establece que durante as vacacións percibirase, ademais dos conceptos salariais fixos, “a media das retribucións percibidas no ano anterior polos conceptos de complemento de transporte, nocturnidade, retribución específica de domingos e festivos e horas de presenza que sexan habituais”. Até o de agora as empresas dividían esas cantidades entre 360 días para determinar o salario do día de vacacións, práctica que foi denunciada pola CNT.

Con isto, o xulgado dá a razón ao sindicato e establece que, de ordinario, debe realizarse o promedio entre os días efectivamente traballados, xa que por definición nos periodos nos que non se traballa non se poden xerar retribucións por festivos, horas nocturnas, etc. Isto implica, na práctica, que se debe restar o mes de vacacións, e así a media debe facerse con carácter habitual entre 330 días. Pero, no caso de haber permisos retribuidos ou periodos de incapacidade laboral, tamén se deben restar estes periodos do tempo a ter en conta. É dicir, se unha persoa está un mes de baixa a media debe facerse entre 300 días, por exemplo.

Desde a CNT enténdese que esta sentenza supón un beneficio importante para todo o sector, e lamenta que despois de tres anos de vixencia do convenio colectivo os sindicatos que o asinaron non tivesen a mínima preocupación por facer efectiva unha interpretación favorable aos traballadores e traballadoras e aceptasen a restritiva, e agora ilícita, interpretación empresarial.

Call Now ButtonChámanos