Dende a CNT Galiza levamos anos acumulando denuncias de bombeiros que falan de casos de falta de medios e de material obsoleto, falta de dispositivos, situacións de temporalidade… e á Xunta e aos Concellos non parece importarlles, máis ben parece que molestan as queixas e propostas dos e das traballadoras para mellorar os servizos.
Hoxe vemos como arde Galicia, unha Galicia na que as brigadas de Bombeiros forestais están contratados por 6-9 meses ao ano, onde un servizo fundamental como a prevención non lle importa a ninguén. Cando o lume xa está na porta das casas ráchanse as vestiduras e falan de catástrofes.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visita o lugar afectado para corroborar que a situación é “moi complicada”, pero non fala de contratar os servizos máis alá dos períodos de máximo risco, de adicar recursos á prevención e ao coidado do monte. Non fala de responsabilidades nin de solucións, simplemente mira ao ceo a ver se chove e fala de heroes.
Cando os temas sindicais trátanse como un tema individual e os esforzos dos poderes públicos céntranse en acalar as queixas e mirar a outro lado os resultados son demoledores. As causas sindicais son causas SEMPRE colectivas, e o bo estado dos servizos aféctanos a todos e a todas porque vivimos en comunidade.
Dende a administración sempre se intenta poñer trabas ás reclamacións colectivas dos e das traballadoras, saben que é moito máis sinxelo acabar cunha causa individual. Por este motivo recentemente fixeron funcionario ao persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, porque os funcionarios non teñen dereito legal a presentar conflitos e negociacións colectivas: Os que mandan si coñecen a forza da unión.
Dende a CNT esiximos aos poderes públicos que non miren cara outro lado, que asuman as súas responsabilidades e que revisen as condicións laborais dos e das súas traballadoras, porque a cidadanía merecemos o respecto e o coidado dos servizos públicos.
Tamén facemos un chamamento á cidadanía para que nos manteñamos unidos e unidas, non caiamos na trampa de pensar que un problema laboral é un problema alleo a nós. Hoxe falamos dos bombeiros, mañá falaremos das ambulancias, das escolas infantís ou dos xeriátricos.
Únete á CNT, xuntas somos máis fortes.