Traballadoras do Consorcio IeB acuden ao acto do PP en Cotobade

  • Piquete ás portas do acto de inauguración do curso político do PPdeG
  • Protestas tamén en Compostela como parte final dun camiño reivindicativo

Este último domingo de agosto continuaron os actos de protesta do persoal temporal do Consorcio en defensa dos seus postos de traballo. Desde as 10:30h as loitadoras do Consorcio recibiron aos asistentes ao inicio de curso político de Feijoó. Posicionadas diante do control policial no acceso ao acto, todas as persoas asistentes foron coñecedoras da problemática e escoitaron os nosos lemas, incluídos Feijoó e Casado. Foron horas de berros que as traballadoras do Consorcio prometen continuar a repetir ata que o conflicto se solucione.

O mesmo domingo deixou tamén a participación das traballadoras do consorcio IeB, xunto con persoal público temporal de distintas administracións, no “camiño de Santiago” reivindicativo que tivo a súa finalización na Compostelana praza do Obradoiro.

Neste verán foron numerosas as mobilizacións desenvolvidas polo persoal do Consorcio galego IeB como parte da estratexia posta en marcha desde a Sección sindical de CNT de incrementar as protestas na rúa para dar visibilización á súa problemática laboral. 

O Presidente Feijoó sufriu as protestas das traballadoras do Consorcio IeB en distintos actos: na entrega das medallas Castelao en Compostela o 28 de xuño, na Coruña o 30 de xuño, o 1 de xuño no recinto feiral de Vigo IFEVI, o 9 de xullo en Caldas de Reis ou no congreso do PPdG do 17 de xullo en Compostela.

As mobilizacións do persoal temporal do Consorcio continuarán para tratar de atopar solución á situación de temporalidade estrutural do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e dotar de estabilidade no emprego ao seu plantel actual.

Call Now ButtonChámanos