Cnt condena a inacción das administracións no desastre ambiental

  • A CNT apoia a manifestación convocada para o domingo 21 de xaneiro ás 12h na Alameda de Compostela

O pasado 8 de decembro o buque Toconao, de orixe liberiana perdeu 6 contenedores á altura de Viana do Castelo, moi preto das augas galegas. Milleiros de sacos de pellets plásticos foron arrastrados polo mar ata as nosas costas. Varios colectivos ecoloxistas e do mar advirten que o verquido é perxudicial, pois ademáis de converterse en microplásticos inxeridos pola fauna causándolle todo tipo de males ata a morte, estes rematan na cadea trófica e por tanto consumidos polas persoas. Por iso, se fai un chamamento á actuación inmediata para a retirada dos pellets.

O verquido comezouse a denunciar públicamente o 26 de decembro, cando milleiros de microplásticos foron depositados nas costas da ría de Muros e Noia. Sen embargo estas denuncias públicas non foron escoitadas dende a administración, facendo caso omiso e creando o clima de oscurantismo tan habitual neste tipo de catástrofes.

Centos de persoas voluntarias comezaron a actuar contra o verquido expontáneamente, ideando e fabricando todo tipo de artiluxios e usando os máis precarios métodos para recoller as “boliñas” de 4mm, incluso recolléndoas a man de unha en unha. Todo isto ante a ausencia absoluta de calquera administración con competencia local, comunitaria ou estatal.

Dende a administración asegúrase que non se tivo coñecemento oficial do verquido ata o 29 de decembro, máis coma sempre é falso. Salvamento marítimo recibiu a alerta o día 13 de decembro, ademáis o primeiro documento do Ministerio de Transición Ecolóxica sobre o verquido de pellets está asinado o día 14 de decembro, dezaseis días de diferencia entre a realidade das costas e a realidade da Xunta de Galicia, dezaseis días ocultando un desastre medioambiental xa evidente e dezaseis días dándolle as costas a centos de persoas que traballaban arreo, facendo o traballo das administracións.

Dende a CNT condenamos absolutamente á Xunta de Galicia, ó Goberno Central e ás Administracións Locais pola súa nula implicación e o total desinterese de cara o medioambiente, e cara todas as persoas voluntarias e traballadoras relacionadas co mar. Non só neste desastre, senón en todas e cada unha das politicas económicas e medioambientais na Galiza, provocando unha degradación incesante do medio e do modo de vida de todas as traballadoras, sobretodo das grandes olvidadas, as do rural galego. Unha vez máis é evidente que o interese das administracións está unicamente do lado das multinacionais lexislando interesadamente para que operen con total impunidade, permitindo que se lucren a conta de xogar co benestar das persoas e do ecosistema, implicándose soamente en cuestións partidistas, económicas individualistas, e proveitosas únicamente para o seu propio beneficio, deixando coma sempre de lado ás persoas máis vulnerables, as familias e traballadoras. Unha vez máis evidenciase o interese electoral, orquestando todo tipo de circos mediáticos con fins únicamente partidistas en plena campaña electoral. Casos coma este son unha pequena mostra do desleixo institucional de cara o benestar e a propia supervivencia do pobo, que interesa soamente para situalos dentro duns días no tan codiciado posto de goberno, para seguir parasitando a vida das xentes deste país.

Apoiamos a todas as familias, traballadoras, grupos e asociacións, que de xeito altruísta están traballando arreo na recolección do verquido, adicando horas, medios e esforzos para reducir as consecuencias non só do verquido senón da falta de ética das administracións.

Facemos eco e damos o noso apoio á manifestación convocada para o domingo 21 de xaneiro ás 12h na Alameda de Compostela rematando na Praza do Obradoiro.

Call Now ButtonChámanos