Mujeres libres

A Exposición “Mujeres libres (1936-39) precursoras de un mundo nuevo” chega a galicia despois de catro anos xirando polo Estado

  • A mostra poderá visitarse dende o 30 de maio ao 24 de xuño no claustro da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela, e despois viaxará a Allariz

A CNT Galiza quere achegar esta importante exposición que xa leva catro anos xirando por todo o Estado con grande éxito. A inauguración terá lugar o día 30 de maio en Compostela ás 19:00h no Claustro da Facultade de Xeografía e Historia da USC, cunha presetación a cargo de Violeta Pérez. A exposición permancerá en Compostela ata o 24 de xuño. Despois trasládase a Allariz.

Sonia Lojo , historiadora na Fundación Anselmo Lorenzo, arquivo histórico da CNT, é a comisaria desta homenaxe á agrupación libertaria dos anos 30. Mulleres que reivindicaron consignas tan actuais como a liberdade sexual, a conciliación laboral, a sororidade e o mesmo salario para homes e mulleres.

A historia das mulleres é un feito silenciado por iso esta exposición trata de recuperar a obra e labor dun grupo de mulleres que nace nos meses previos da guerra civil cunha tripla finalidade, emancipar da tripla escravitude á que se atopa sometida a muller como produtora, como muller e como obxecto.

Mujeres Libres nace cunha función cultural e orientadora debido ás altas taxas de analfabetismo feminino onde tentará formar á muller e elevar a súa situación social a través da formación e orientación ás ideas libertarias como forma de conseguir unha igualdade real a través dunha transformación económica, política e social que promulga o anarquismo.

Coas circunstancias de guerra, mmll orientará as actividades das mulleres para gañar a guerra e asentar a revolución en marcha para alcanzar a igualdade real para todos os seres humanos nunha sociedade mais xusta e igualitaria.

Transcurridas oito décadas dende a creación desta organización feminina a Fundación Anselmo Lorenzo trata de dar a estas mulleres o recoñecemento que perecen, para que a súa loita sirva de experiencia e aprendizaxe ao movemento feminista actual.

A mostra está composta por 16 paneis, ademais de materiais sonoros e audiovisuais, con información sobre a xestación e desenvolvemento da organización, as súas reivindicacións e ámbitos de actuación, as súas formulacións sobre igualdade, educación, traballo, sexualidade e a participación activa que desenvolveu para gañar a guerra contra o fascismo.

A día de hoxe, o avanzado das súas formulacións e accións segue sendo un referente no que vernos reflectidas, sendo noso deber manter ese legado para que sirva como base da loita das mulleres pola consecución da igualdade real.

Call Now ButtonChámanos