Teherán baixo as bombas: testemuño dun compañeiro anarquista

Desde Teherán, un militante anarquista dá testemuño dos ataques israelís, do caos cotián e do papel que intentan desempeñar os anarquistas entre a guerra, a represión e a supervivencia. Un relato conmovedor que traducín baleirado en bágoas. Todos os meus pensamentos están con aqueles que, en ambos bandos, loitan pola paz e a liberdade!  

Unha noite de lume e confusión.

Onte á noite, mentres durmíamos, Israel atacou Irán. Os ataques dirixíronse contra Teherán, pero tamén contra outras cidades. Ouvín estrondos, vin relampos… Pensei que era unha treboada. Nada facía presaxiar unha guerra, sobretudo coas conversacións entre Irán e Estados Unidos.  

Non foi até a mañá seguinte, através do noso sindicato anarquista (a Frente Anarquista), cando nos enteiramos do que realmente pasara: múltiples ataques, mortes de civís. Saín a investigar. A cidade estaba acoutada. O exército e a policía prohibían o acceso ás zonas afectadas. Aínda había bombas sen estoupar nos predios. No hospital impedíronme entrar e a policía borrou todas as fotos do meu teléfono. Segundo un xornalista que estaba alí, polo menos sete nenos morreran.  

Algúns choraban. Outros, como era de esperar, alegrábanse pola morte de figuras do réxime.  

O día seguinte: un inferno sen alarma 

Nas horas seguintes, vin escenas apocalípticas. O ceo estaba atravesado por mísiles. O lume caía sobre as estradas. A xente fuxía de Teherán: familias enteiras, mozos traballadores, anciáns. Aguardaban axuda nas beirarrúas. Feridos, queimados, dous mortos diante dos meus ollos. Sen alarma. Sen refuxio. Nada.  

As pantallas xigantes difundían a versión oficial: a República Islámica atacou Tel Aviv, Israel promete responder. Eu teño compañeiros alá. Anarquistas, pacifistas, insubmisos. Non queremos esta guerra.  

Unha poboación en supervivencia 

O ar está contaminado: as instalacións nucleares foron alcanzadas. A xente fai conservas, almacena, foxe das grandes cidades… e logo volve, por falta de alternativas. As estradas están saturadas. Os medios de comunicación estatais cantan himnos e difunden mentiras. A única fonte fiabel: Telegram e as canles por satélite.  

As manifestacións seguen a ser escasas. Moita policía, moito medo. Onte, frente aos hospitais, as familias buscaban aos seus seres queridos desaparecidos. Berraban. Choraban. Resistían.  

Sen refuxio, sen evacuación.

As institucións seguen abertas coma se nada pasara. Non hai instrucións de seguranza, nen sereas, nen centros de acollida. É probabel que haxa fugas químicas, pero non hai protocolo ningún.  

Así que a xente foxe pola súa conta: os comercios pechan, os estudantes rexeitan facer os exames, os funcionarios fican na casa. Só os servizos de emerxencia seguen a funcionar.  

Ás veces teño a sensación de que sigo vivo só porque Israel (aínda) non ataca as zonas residenciais. Pero os incendios, a choiva radioactiva e os disparos perdidos matan a pesar de todo.  

E non hai axuda. Nada. Nin axuda humanitaria, nin organizacións externas, nin medicamentos… e as sancións xa levan anos matando.  

Catro Iráns, unha soa terra baixo as bombas.

Hai que entender que o pobo iraniano está fragmentado:  

– Unha maioría silenciosa, que odia ao réxime pero rexeita a guerra. Sobreviven, foxen, choran aos mortos e maldícen os dirixentes.  

– Os islamistas, fieis ao poder, que falan de martirio e queren responder.  

– Os monárquicos e liberais, amiúde proisraelís, que aplauden os ataques contra os Guardians da Revolución.  

– Os anarquistas e militantes de esquerda, como nós: contra a República Islámica, pero tamén contra Israel, contra todos os Estados. Pola supervivencia, o apoio mutuo, a autonomía.  

¿Que lugar ocupan os anarquistas nesta guerra?

Non estamos armados. Non participamos nos combates. A nosa tarefa é outra: informar, socorrer, crear vínculos, contrarrestar a propaganda. Axudamos como podemos: primeiros auxilios, transmisión de información, sensibilización sobre os riscos químicos. Ocupámonos dos nosos e daqueles que non teñen a ninguén.  

Rexeitamos os discursos simplistas. Nen “todos os israelís deben morrer”, nen “os sionistas son os nosos salvadores”. Estamos entre dous fogos: o fundamentalismo relixioso por un lado, o militarismo sionista polo outro.  

O noso papel é ser pontes. Transmisores de ideas. Abrir brechas no fatalismo. Manter a firmeza, mesmo sen armas, mesmo con medo.  

O loito do movemento contra a guerra.

Debo admitilo: estou triste. Profundamente triste. Hai dez anos, conversaba con pacifistas israelís. Rexeitaban servir. Kurdos, árabes, armenios, anarquistas. Soñábamos xuntos cun Oriente Medio libre, sen exército, sen Estado.  

Mas perdemos. Non fomos o suficientemente fortes para impedir a guerra. Non tivemos suficiente apoio. Hoxe en día, a xente ten medo de falar de paz. Cren que sería unha traizón. Que pedir o fin dos ataques é entregarse ao inimigo.  

E, con tudo, todo o mundo quer a paz. Mais ninguén se atreve a pedila.  

Unha voz no medio do tumulto.  

Non sei canto tempo aguantaremos. Onte á noite, os avións ruxían coma unha autoestrada no ceo. Pero sei unha cousa: mentres haxa xente que coide, resista e se organice sen esperar ao Estado, haberá sementes de anarquía, mesmo entre os escombros.  

Conclusión: non normalicemos o insoportabel.

Antes de nada, quero agradecer sinceramente a todos os compañeiros e compañeiras que se tomaron o tempo de escoitarnos. Nun mundo no que as forzas políticas, económicas e policiais nos esmagan constantemente, é raro que aínda se nos deixe espazo para falar. Mesmo sen bombas, a violencia rodeanos: toma a forma de alugueis inasumibeis, papeleos interminabeis, discriminación, cansazo, isolamento. Unha violencia xorda, presentada como “normal”, á que non deberiamos habituarnos.  

Pero cando estala a guerra, esta violencia desátase de súpeto a plena luz. O que se toleraba volve insoportabel. E entón, paradoxalmente, podemos falar. Puiden escribirvos porque todo se derrubou. Porque, no caos, as verdades máis simples volven ser audibeis.  

O que quero dicirvos é isto: non deixedes que estas palabras caian no silencio. Non deixedes que a nosa dor, aquí en Irán, como noutros lugares, fique relegada ás marxes, coma se fose só “local”, “específica”, “cultural” ou “excepcional”.  

Porque, en realidade, compartimos a mesma guerra: a que libran os Estados contra as nosas vidas. Así que vos suplico, compañeiros e compañeiras: non aceitedes a violencia cotiá como algo natural. Rexeitade a idea de que hai que agardar a que cheguen os mísiles para reaxir. Non agardedes a que o noso sufrimento se convirta en algo espectacular para que mereza a vosa atención.  

Falemos agora mesmo. Organicémonos. Cremos espazos reais de acción e apoio mutuo. Para que a guerra aquí non se convirta no ruído de fondo. Para que non sexades reducidos a simples “salvadores” frente ao noso sufrimento, senón cómplices na loita.  

Chamamento á solidariedade internacional.  

Hoxe en día, a situación é inestabel, crítica, quizais ao bordo dunha catástrofe humanitaria. Se Irán está isolado do mundo, xa sexa polas bombas ou pola censura da República Islámica, difundide a nosa mensaxe. Contade o que está pasando. Dade voz a quen non a ten.  

Non contamos con ningunha protección internacional. As ONG están practicamente ausentes. As sancións agravan o noso sufrimento.  

Se tedes contactos, influencias, intermediarios en colectivos, sindicatos, asociacións ou redes de asistencia sanitaria: mobilízadeos. Pedide axuda médica urxente, unha maior vixilancia das violacións, unha mediación internacional que escape á lóxica estatal.  

Pero, sobretudo, rexeitade os relatos simplistas. Non somos peóns de Israel nin peóns do réxime islámico. Non cremos nen nas bombas “libertadoras” nin nos mulás “resistentes”. Estamos atrapados entre dúas máquinas de morte, e seguimos intentando, unha e outra vez, construír outra cousa.  

Aínda non hai un éxodo masivo. Pero se a guerra se estende, as consecuencias serán terribeis. Así que, camaradas, ergámonos xuntos. Non para apoiar a un bando contra outro, senón para facer ouvír outra voz: a da vida, a liberdade, a solidariedade, contra todos os Estados, todas as fronteiras, todas as guerras.  

xuño 18, 2025  

Fonte: https://lapeste.org/teheran-bajo-las-bombas-testimonio-de-un-companero-anarquista/