Explotación laboral no restaurante Mi bodegón latino

A CNT vén de iniciar conflito con Mi bodegón latino, un restaurante colombiano no centro de Compostela. Desde a CNT denunciamos a escandalosa situación de explotación laboral neste restaurante, no que se abusa das persoas estranxeiras en situación de necesidade cun alarmante cúmulo de irregularidades que inclúen a ausencia de contrato e alta na Seguridade Social, xornadas laborais inhumanas de 60 horas semanais sen rexistro algún, salarios de miseria pagados en diñeiro negro, impago sistemático de horas extra e festivos, e a negación do dereito ao descanso en días festivos.

A CNT denuncia que, ademais de impoñer estas condicións laborais deplorables, a empresa dedícase a despedir ás traballadoras por estar embarazadas. Ante esta flagrante vulneración de dereitos e o abuso da vulnerabilidade de persoas estranxeiras, o sindicato denuncia enerxicamente a desprezable conduta da empresa, cando ademais o propietario dispón de varias empresas de diferentes sectores (hostalería, panadaría, etc.), o que implica que ten medios suficientes para non explotar ás súas traballadoras.

Desgraciadamente esta actitude non é nova en Compostela: o sector da hostalería é o que máis incumprimentos laborais protagoniza no mercado laboral. Aínda así, contra os abusos laborais desde a CNT expoñemos esta situación totalmente irregular para conseguir que a empresa non só abone as cantidades adebedadas aos seus traballadores e cumpra coas condicións laborais mínimas, senón tamén a inmediata readmisión da traballadora embarazada, cuxo despedimento constitúe unha grave vulneración dos seus dereitos fundamentais.

En resposta a esta actitude e ante a gravidade dos feitos, desde o sindicato anunciamos que se emprenderá unha campaña de accións sindicais para que se cumpra, como mínimo, a lexislación vixente e se poña fin ao abuso de traballadores e traballadoras vulnerables.

Contra a explotación laboral, loita obreira. Xuntas somos máis fortes!

Call Now ButtonChámanos