Este Primeiro de Maio súmate á manifestación en Compostela!

  • A manifestación sairá ás 12:00h da Praza 8 de Marzo

Achégase o Primeiro de Maio tras un ano moi difícil para a clase traballadora, no que cada vez sectores máis amplos da poboación están a ter dificultades para chegar a final de mes. A crise que arrastra o sistema capitalista agudízase e, como sempre, pagamos as mesmas. Á precariedade laboral, o paro e as dificultades para o acceso á vivenda, súmaselle a subida dos custos da vida e os continuos recortes. Isto tradúcese nun aumento da dificultade para o acceso da clase traballadora a recursos tan necesarios como a enerxía ou a alimentación, pero tamén á sanidade e a educación.

A pandemia por  COVID provocou graves consecuencias económicas e sociais, pero estas non se poden descontextualizar da crise que xa arrastraba o sistema capitalista. A súa constante necesidade de acumulación e consumo de recursos está a xerar un tremendo impacto nun planeta, que leva tempo dando sinais alarmantes.

Ante esta grave conxuntura, os gobernos reaccionan como sempre o fixeron: aumentando o control social, limitando as liberdades para a clase traballadora,  militarizando a sociedade, recortando en gastos sociais e iniciando guerras; actuacións que soamente benefician ás elites capitalistas e cuxas consecuencias sempre as sofre o proletariado de todo o mundo.

O Primeiro de Maio é unha data moi importante para o movemento obreiro, porque coa súa dignidade e coa súa vida os  mártires de Chicago gravaron na historia os mellores valores que moveron á clase traballadora. Eles e elas vólvennos a lembrar hoxe que, fronte á explotación a nosa resposta é o apoio mutuo e a organización colectiva; fronte ao racismo, o imperialismo e a guerra, a única vía é o  internacionalismo proletario. Fronte ao autoritarismo e o  patriarcado habémosnos/habémonos de opoñer con  anarcosindicalismo, feminismo e asamblearismo.

Sen importar siglas, a esfera gobernante, unha vez máis, traizoa á clase traballadora. Onde din ‘derrogo’ significa ‘retoco’, para que pareza un cambio, pero sen que as traballadoras e traballadores melloren as súas condicións de vida, converténdose nunha manobra para reforzar as posicións da patronal. Do mesmo xeito, a chamada Lei Mordaza segue aí reprimindo calquera protesta, e multitude de familias continúan sendo desafiuzadas.

A partir de agora veremos que se o 40 % dos contratos indefinidos anteriores á reforma laboral duraba menos dun ano, coa nova regulación a vixencia media dos contratos indefinidos baixará máis. Tamén crecerá o número de despedimentos, e a precariedade quedará ‘maquillada’ polos novos contratos fixos descontinuos. Seguimos esperando que as empregadas do fogar sexan traballadoras de primeira, como merecen; xa sexa a través do prometido Convenio 189 ou incluíndoas no Estatuto dos Traballadores, onde sempre deberían estar. Tampouco esquecemos a saúde laboral e os accidentes laborais, que non pairan de crecer e aparecen en novos sectores. E as pensións: séguese sen dar marcha atrás aos mecanismos que fan que cada vez estean máis lonxe e menos aseguradas as pensións, xa que se rescatan bancos e empresas pero non os dereitos adquiridos da clase traballadora.

Nestes momentos, un reto transcendental para o movemento obreiro é facerse oír, é tomar conciencia de clase e contrarrestar a onda de movementos nacionalistas, autoritarios, racistas e patriarcais. Xa abonda de  blanqueamiento por parte dos medios de comunicación e de pactos entre partidos políticos. Temos que organizarnos necesariamente á marxe das institucións do estado; organizadas desde abaixo, no barrio, no traballo, no sindicato, pola Xustiza Social, a repartición da riqueza e a abolición das fronteiras, para que ninguén se vaia quedando atrás.

Este é o camiño que escolleu CNT e, por este motivo, este Primeiro de Maio sairemos á rúa. Este Primeiro de Maio, escoitarannos!

Call Now ButtonChámanos