A Sección Sindical da CNT na Universidade de Santiago de Compostela quere denunciar e poñer en coñecemento da opinión pública o estado lamentábel no que se atopa a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela. Desde que comezou este temporal, o piso superior do claustro do Pazo de Fonseca oferece un aspecto impresentábel con várias goteiras distribuídas aleatoriamente e os seus correspondentes cubos para recoller a auga. Esta situación ven-se repetindo cada vez que chove de máis e zoa o vento en demasía sen que as autoridades académicas, estas e as anteriores, amosaran algo máis que incompeténcia para amañar o tellado.
Aproveitando a circunstáncia informar que as xanelas de madeira que circundan o piso superior do claustro de Fonseca teñen, desde hai anos, un “cartelito” que informa do perigo de derrubamento se alguen ten o despiste de se apoiar nelas.
Se esta é a triste situación da cabeceira das bibliotecas universitarias compostelás cando chove forte, e todo o mundo sabe que en Galiza chove pouco, cabe pensar cál será ou pode ser a das bibliotecas públicas municipáis, esquecidas desde hai anos en todos os orzamentos autonómicos.
E así estamos mentres a Cidade da Cultura chupa millóns de euros como se fora un “buraco negro” espacial e na garda de que culmine tamaño disparate que arrastrará outra boa cantidade de millóns de euros en salários, operacións de mantemento e contratación dun auténtico corpo de exército de gardas de seguridade.
Por se isto fora pouco, o equipo de governo tripartito que ocupa as cadeiras correspondentes ten decidido realizar o vindeiro claustro universitário na cidade de Lugo, o que significa un gasto enorme e inecesário en dietas e desprazamentos de centos de claustrais. Talvez tomaron esa decisión pensando na sacrosanta descentralización ou talvez porque o teito do auditório está, en parte, caído.
A CNT denuncia a política de xestos, a política de enganos e a política de non facer nada que as autoridades académicas de Progreso ou de Regreso levan desenvolvendo mentres “chove sobre mollado”.